“Entrar aos Vilares”, ou a vida dunha parroquia no cinema

entraraosvilaresEsta tarde a Libraría Biblos acolle a estrea na nosa cidade da ópera prima de Cibrán Tenreiro (director), Toni González (cámara) e Xacobe González (son). “Entrar aos Vilares”, que fai parte do proxecto “Os Vilares, lareira de soños” é un documentario distinto para adentrarse na parroquia desde unha visión subxectiva e inocente, mesmo experimental, na que o resultado deixa á parroquia exposta a diferentes visións críticas. Os Vilares é a parroquia de Díaz Castro, mais o poeta non é a excusa ou o centro desta rodaxe, senón un elemento máis na paisaxe e nos argumentos.

Tres rapaces que non naceron na aldea adéntranse no rueiro das súas raíces para recoller nun audiovisual de encargo a súa percepción dunha parroquia que descoñecen. A rodaxe de planos movidos, que mesmo semellan ser captados co obxectivo aberto e sen ser conscientes, até as paisaxes desde un coche en marcha polas estradas da parroquia, planos nos que aparecen os propios autores rodando, dando un sentido de mobilidade e informal.

O documentario, de 55′ de duración, acompañará en formato DVD ao libro de Pastora Veres, coordinadora do proxecto cando sexa editado. Dous traballos “de autor” un audiovisual e outro literario, desde ópticas diferentes pero complementarias que se adentran no mundo rural, a súa historia e evolución desde unha visión actual.

Na cita de hoxe os autores departirán co público asistente que encha, desde as oito do serán, o salón de actos da libraría na rúa de Santiago de Betanzos.

Advertisements