Coirós desmontará a cruz dos caídos, que reciclará como cruceiro a Igrexa

Simboloxía franquista nunha rúa de Betanzos

Simboloxía franquista nunha rúa de Betanzos

A Igrexa pretende reciclar a cruz dos caídos que aínda flanquea a casa consistorial de Coirós. O goberno local do PP acabou accedendo á demanda do BNG de incluír a demolición do monumento fascista no último orzamento e agora traballa no proxecto para borrar as honras públicas aos golpistas da localidade. O rexedor segue a ser reacio á medida, porque di que levanta as queixas dos parentes dos franquistas do municipio que finaron tras o golpe de estado. O BNG insiste, pola súa banda, en que é unha cuestión de dignidade e reparación ás vítimas da dictadura.

Mais a cruz de perpiaño non será demolida, porque o crego pediu que sexa cedida á Igrexa para transformala nun cruceiro onde facer un altar para o Corpus. Sen a placa cos nomes dos golpistas coirosanos, que de momento non se sabe onde acabará. O alcalde de Coirós, xunto co de Betanzos, foi denunciado por un bufete de avogados madrileño por resistirse a aplicar a chamada Lei de memoria histórica e manter este cruceiro, entre outros elementos.

Non correrá a mesma sorte o xugo e frechas- a esvástica española- que campa na fonte de Castrillón nin o monumento aos “mártires” do adro da parroquial de Santa María de Ois, que mantén a Igrexa a uns poucos quilómetros da fosa común da represión franquista máis grande de toda a provincia da Coruña, na parroquia aranguesa de Vilarraso.

Betanzos non elimina máis simboloxía

O destino da cruz dos caídos de Coirós é similar ao que correu a cruz dos caídos betanceira, que sen placa cos nomes dos franquistas locais foi trasladada ao vello camposanto civil da localidade. Aínda hoxe o goberno municipal fai unha ofrenda floral ante esta cruz cada 2 de novembro. Din que é en recordo de todos os defuntos do municipio.

Mais Betanzos resístese tamén a retirar a simboloxía franquista do rueiro. Placas en edificios particulares de vivendas promovidas polo sindicato vertical, nomes no rueiro- do ministro Fraga Iribarne a alcaldes e gobernadores civís que participaron activamente na represión-, medallas da cidade- dúas deceas entre diversos xerarcas do réxime segundo o BNG- e mesmo alusións ao “Ano da Victoria” na ábsida gótica de San Francisco mantéñense dez anos logo de aprobarse a lei grazas ao mesmo partido que a promulgou, o PSOE. Coa retirada da rúa e retrato do xeneral Pérez Salas o PSOE deu por pechada a aplicación da lei de memoria.

Advertisements