García buscará á desesperada a prórroga do convenio mentres o BNG leva ao Parlamento o paseo

Un instante do roteiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Un instante do roteiro. Á esquerda de todo, o deputado nacionalista Xosé Luis Rivas. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Dicían que contaba con todos os permisos mesmo para meterse a obrar no municipio do lado. Que Costas, Medio Ambiente e todos os organismos deran o seu visto e prace. E primeiro foi a Defensora del Pueblo quen deu a razón a dez entidades ecoloxistas e culturais e mais ao BNG sobre a ausencia de medidas para garantir a conservación da escribenta das canaveiras. Pero é que despois foi o anuncio do Concello de Coirós de que denegará a licenza aos traballos, entre outras cousas, debido á escollera prevista á altura do regueiro de Obre.

Polo medio, un recurso do BNG contra a licitación dos traballos precisamente por meterse a contratar obra pública no veciño municipio de Coirós. E un pronunciamento da Mesa Sectorial de Medio Ambiente do Grupo de Desenvolvemento Rural, entidade que xestiona a Reserva da Biosfera, que reclamou ao Concello que redefina o proxecto para minimizar o seu impacto.  Os problemas acumúlanselle ao goberno local betanceiro en torno ao paseo e os argumentos que viña empregando ata a data van caendo diante da evidencia da realidade.

Agora, o goberno local recoñece ao diario La Opinión que pretende “renegociar” coa Deputación o convenio aprobado o 27 de novembro de 2014 no pleno da entidade provincial cos votos de PSOE e PP e a abstención do BNG, e asinado por Diego Calvo como presidente e Ramón García como alcalde o 3 de decembro de 2014. Un convenio que deixa ás claras que se ben “a Deputación poderá conceder anualmente a ampliación do prazo de execución”, a execución e xustificación da obra “en ningún caso poderá exceder do 1 de novembro de 2017”. Acábaselle polo tanto o tempo ao goberno local betanceiro sen ver unha saída para esta obra, enfrontado a boa parte de veciñanza, sociedade civil e, agora, tamén ao Concello de Coirós.

O convenio entre Deputación e Concello deixa claramente sobre a responsabilidade do Concello actuar como promotor, contar con todos os permisos sectoriais necesarios e mesmo tramitar e notificar á Deputación modificacións sobre o proxecto aprobado. O cal, obviamente, permitía modificar o proxecto cando o BNG demandou isto o 26 de agosto de 2014 cando o PSOE o presentou ao Pleno e posteriormente, cando a comezos de 2015 nove entidades ecoloxistas subscribiron un proxecto alternativo. Coa proximidade das municipais, o PSOE preferiu gardar o proxecto nun caixón para gañar tempo en lugar de sentarse cos colectivos ambientalistas e o BNG para modificar o trazado. Agora, a menos de dez meses de vencer o prazo máximo de execución das obras e con dous recursos contra a licitación da obra e a negativa a dar licenza do Concello de Coirós, o tempo esgótase.

Ademais, o BNG anunciou onte que trasladará novamente ao Parlamento de Galiza o paseo que o goberno municipal de Betanzos promove entre o peirao das Monxas e o lugar dos Caneiros, no veciño municipio de Coirós. O deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, estivo este domingo no roteiro informativo que dez entidades da comarca organizaron para denunciar o impacto desta obra no ecosistema do Mandeo. Recordan os elementos máis agresivos co medio que prevé o proxecto e denuncian o impacto sobre a escribenta das canaveiras, endemismo do noroeste peninsular que ten aquí zona de residencia temporal. O deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, recolleu este domingo as achegas das dez entidades veciñais que se opoñen ao trazado da senda.

Advertisements