O PP asegura que a falta de licenza é o que retrasa as obras nas casas da Xunta no Casco Histórico

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

A Xunta do PP comprou nove casas- sumóuselle unha décima por cesión da familia Romay Beccaría- en 2010, ás portas das eleccións municipais que María Faraldo pretendía gañar e revalidar a alcaldía, entre outras cousas, grazas a este impactante anuncio. Estaban chamadas a unha rehabilitación “modélica” que se foi esvaendo a medida que o PP vía máis lonxe a alcaldía. A presión veciñal, de entidades e de forzas políticas como PSOE e BNG que todos os anos levaban ao Parlamento a promesa incumprida como iniciativas e emendas aos orzamentos deu froito o pasado ano, cando no medio dunha de tantas campañas electorais, a Xunta sacou a contratación tres proxectos.

O PP asegura que o retraso que acumulan as obras é a causa da demora do Concello para outorgar licenza de obras. A dereita sostén que o goberno galego prevé licitar este trimestre os traballos de recuperación en tres das nove vivendas que adquiriu hai seis anos, pero que bate coa lentitude do executivo local para conceder os oportunos permisos, solicitados o pasado mes de novembro, segundo o PP.

Os populares ven “unha manobra política” do alcalde no atraso en dar a licenza “para desgastar á Xunta”. O PP critica que, cando a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou a licitación, topouse coa “sorpresa” de que o goberno local “non fixera os deberes”. Vázquez comprometeuse en 2016, en vésperas das eleccións autonómicas, a licitar ese ano a obra nos números 9 e 13 da rúa A Cerca e o 13 dos Clérigos.

Advertisements