Os medios municipais non informaron nunca do contido do proxecto de paseo por San Xiao

Un instante do roteiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Un instante do roteiro contra o paseo do pasado domingo. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Resulta imposible atopar no repositorio de novas do web oficial do Concello de Betanzos información detallada sobre o controvertido trazado do paseo que, nas previsións do goberno local, unirá A Tolerancia con Os Caneiros. O proxecto tan só foi feito público polo executivo socialista ao sacalo a contratación, por imperativo legal como se adoita dicir, para que as empresas souberan as complexidades técnicas da obra e o trazado. Nada durante a tramitación que non fose saír ao paso das denuncias de entidades ecoloxistas ou das manifestacións do BNG, moi crítico desde que o proxecto foi elevado a pleno o 26 de agosto de 2014, logo das festas para evitar unha maior difusión do mesmo.

Un repaso á hemeroteca do web municipal é abondo revelador sobre o sixilo con que o goberno que preside Ramón García levou o tema. Toda unha diferencia con cando o PP lanzou o seu proxecto de reforma dos Soportais e construción das terrazas, que publicou descrición e croquis no web municipal. Era a súa obra estrela.

E este paseo tamén era unha obra estrela do PP, como deixa de relevo unha nota sen data, con manifestacións da entón alcaldesa Faraldo, detallando como o Concello de Betanzos conseguira 60 000 euros para contratar “elaboración do correspondente proxecto e execución dalgunha obra que logo será completada a través do proxecto de mellora da cunca do río Mandeo que efectuará a Deputación con fondos europeos”. A nota describe perfectamente o actual e polémico paseo, coa “creación dun sendeiro peonil dende o embarcadoiro do paseo da Tolerancia, paralelo á marxe esquerda do río, ata unha pasarela peonil situada xa no municipio de Coirós, é dicir, un sendeiro que se prolongará ao longo de 1,5 quilómetros”. “O proxecto contemplará un estudo da rexeneración da zona, contemplando a erradicación das especies invasoras e a rexeneración do espazo con plantas e árbores autóctonas” explicaba.

O cambio de goberno levou a Ramón García a pedirlle cartos á Deputación para sacar adiante este proxecto. E a partir de aí comeza a tramitación practicamente en segredo do trazado do paseo, ata que chega a pleno aquel 26 de agosto de 2014. O BNG comeza a denunciar elementos agresivos co medio e a demandar a avaliación de impacto ambiental e a oficina municipal de prensa, que depende da Alcaldía directamente, en lugar de informar á veciñanza comeza a descualificar as voces críticas co proxecto herdado dos tempos de María Faraldo.

Así, nunha nota con data errónea (figura 2010 pero Ramón García como alcalde) o executivo que este preside sostén que a obra “non só posibilitará a creación dese sendeiro, senón tamén incluirá actuacións que son necesarias para mellorar a zona en materia de redes de saneamento, de recuperación de espazos como a fonte dos Ánxeles ou o embarcadoiro que hai no propio campo dos Caneiros” E critica o comunicado remitido por persoal municipal que “algún partido político- a oposición ao proxecto e as críticas proviñan do BNG- pretenda buscar “réditos” á conta desta actuación despois de que o proxecto fose aprobado tanto no pleno de Betanzos como na Deputación provincial”. A descualificación do PSOE utilizando partidistamente medios municipais prosegue acusando a alguén de querer “pór “paus nas rodas” a unha actuación que xa tería que realizarse hai anos con fondos europeos pero que por determinados problemas xurdidos naquel entón (anterior mandato) coa disposición de terreos non puido acometerse a pesar de estar contratada a obra”.

Sen información á veciñanza sobre o proxecto e con máis descualificacións son outras declaracións do goberno local do 2 de marzo do ano pasado. Naquela altura o executivo do PSOE reiteraba o mantra de ter todos os permisos- demostrouse posteriormente que non era certo pois o Concello de Coirós fixo público que negará a licenza en base a cuestións que segundo o goberno betanceiro estaban co visto e prace de outras administracións.

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

En marzo o PSOE arremetía contra “algúns” (novamente o BNG, que reaccionaba ao informe da Defensora del Pueblo sobre unha denuncia remitida pola Sociedade Galega de Historia Natural) porque “en ningún caso, como pretende interpretar algún grupo político da Corporación Local, a Defensora do Pobo toma parte pola entidade que promove a queixa nin dá a razón, no seu escrito, ás consideracións realizadas por esta formación política” (que non se identifica).  Os empregados municipais ao cargo da área de comunicación remiten un comunicado que prosegue arremetendo contra “esta formación política” que, denuncian, “non fai mención á contestación que o Concello remitiu o pasado día 1 de febreiro á Defensora do Pobo na que se fai unha cronoloxía dos pasos dados desde que se iniciou o expediente, a súa contratación e os informes, estudos e autorizacións aos que o proxecto foi sometido”.

A esta contestación si fai referencia a denunciante, a Sociedade Galega de Historia Natural, no seu web. “O Defensor del Pueblo informounos con data 13-04-2016 que o Concello de Betanzos fixo caso omiso ás súas suxestións para que solicitara informes complementarios sobre o impacto da construción e uso do paseo fluvial, amosando así nulo interese en respectar a lexislación ambiental e en garantir a conservación do noso patrimonio natural” denuncian. Novamente o goberno local falta á verdade na súa información á veciñanza sobre este proxecto.

Finalmente, para vender as bondades do proxecto, o pasado 28 de decembro, anunciando a licitación, novamente o servizo municipal de prensa- composto por persoal ao servizo do Concello, non por persoal de confianza do executivo do PSOE e retribuído con fondos públicos para dar información veraz á vecinañza- volve remitir un comunicado de prensa no que critican que “durante todo o proceso administrativo *quixésese pór “paus nas rodas” a unha actuación que xa tería que realizarse hai anos con fondos europeos”.

Neste comunicado insiste en que a obra, entre outras cousas, valerá para “a mellora de diversas infraestruturas e equipamentos como a fonte dos *ÁNxeles” (mantéñense as grallas do orixinal). É outra información errónea máis, dada deliberadamente para facer ver que o proxecto é positivo para o patrimonio histórico do municipio. Un repaso ao proxecto publicado no perfil do contratante revela que sobre a Fonte dos Ánxeles non se prevé actuar: nin mellora da conducción da auga nin amaño do monumento neoclásico. Tan só repaso de pavimentos, movemento de bancos e apertura de portas nun muro de peche perimetral.

Nas redes sociais do Concello- tanto a conta institucional do Concello como as da campaña “Betanzos tan cerca”- tampouco hai información. Tan só publicaron as novas relativas ao posicionamento do goberno local, onde mesmo o goberno local chegaba a insinuar que coa crítica ao trazado do saneamento dentro da liña de marea as entidades críticas co proxecto apostaban por que se continuase verquendo fecais directamente ao río.

O Anuario Brigantino censura as críticas no repaso á actualidade de 2014 e 2015

Anuario, segundo a Real Academia Galega, é ou ben unha “publicación periódica de carácter anual” ou ben unha “obra que se publica cada ano que contén o resumo dos acontecementos ou de distintas actividades”. Suponse que o epígrafe de “Acontecementos do Ano” que contén o Anuario Brigantino debería recoller canto aconteceu na cidade durante o ano que aborda. De feito, apóiase nas novas publicadas pola prensa en papel durante o ano para confeccionar o listado de cousas que sucederon cada 365 días.

Mais o Anuario Brigantino, dirixido polo arquiveiro-bibliotecario Alfredo Erias, non escapa do trazo da liña comunicativa do Concello nos demais ámbitos: silencia ao discrepante. O repaso aos “Acontecementos do Ano” de 2014 e 2015– votación do proxecto, primeiras críticas e marchas polo trazado, actos, recursos…- omite deliberadamente toda referencia a estes actos e valoracións malia teren no seu día ampla acollida na prensa escrita.

Ben é verdade que ninguén repasará os sucesos históricos acudindo a unha única fonte, mais a compilación que fai o Anuario Brigantino non é inocente ao pretender relatar unha crónica oficial do acontecido. O que tiña que ser simple relato histórico de sucesos recasta nun panexírico para adular ao goberno local. Pagado con fondos públicos e con pretensións de obra seria.

O BNG dá a información que o executivo local denega aos veciños

Dous son as forzas da Corporación que din opoñerse a este trazado: BN e BNG. Mais só os nacionalistas fixeron o esforzo de achegar o que o trazado supón á veciñanza ademais de apoiar a campaña das entidades ecoloxistas. Un boletín en 2015, outro agora recén chegado ás casas, unha explicación nunha charla en 2014, un video en internet, un dossier en storify con toda a historia da obra, un mapa ilustrado en redes sociais e na Cañota son algúns dos elementos con que o BNG trata de achegar o proxecto á xente para que saiba que contén e poida opinar sobre el con fundamento.

Advertisements