O Club Xadrez Betanzos comeza a súa participación na Liga Galega

Un xadrez da cerámica galega Do Castro

Un xadrez da cerámica galega Do Castro

O Club Xadrez Betanzos comeza mañá sábado 28 de xaneiro a súa participación na Liga Galega. O clube compite con dous equipos, un en Segunda División e outro en Terceira, que se medirán este sábado en Betanzos a Círculo Xadrez Narón e Escola de Xadrez Clubexa, respectivamente. O Xadrez Betanzos A, leva varios anos quedando ás portas do ascenso a Primeira División e o Xadrez Betanzos B, formado principalmente por nenos das escolas de xadrez do clube, conseguira subir a Segunda o pasado ano, se ben non logrou manter a categoría.

A Liga Galega é unha competición na que participan clubes de diferentes lugares de Galicia e que se estructura en diferentes categorías e grupos, dende División de Honra a Cuarta División. En cada xornada participan catro xogadores por equipo e as partidas teñen unha duración de 60 minutos máis 30 segundos de incremento por xogador e xogada.

O Club Xadrez Betanzos ten unha longa traxectoria en Betanzos tanto no que respecta ao apartado formativo como ao competitivo. Ademais de participar con dous equipos na Liga Galega, organizan anualmente o Torneo San Roque, que o pasado ano chegou á súa décima edición. Os nenos e nenas das escolas de todos os niveis participan nas competicións escolares Xogade, organizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e nos últimos anos conseguiron importantes resultados nas diferentes categorías. Entre eles, o Campeonato Provincial por equipos en categoría Alevín en 2016.

Ademais, o clube imparte clases a escolares de diferentes idades e niveis os venres pola tarde en dúas quendas, iniciación e perfeccionamiento, no seu local social situado na planta alta do edificio da Pescadería.

Advertisements