O BNG celebra a suspensión do paseo, que atribúe á mobilización social

Un instante do roteiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Un instante do roteiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

O BNG celebrou que o goberno local rectificase a súa postura e anunciase a suspensión da contratación das obras do paseo entre A Cañota e Os Caneiros. “Alegrámonos porque este é o primeiro paso para unha solución á situación creada polo goberno municipal ao negarse a modificar o proxecto e licitar sen ter en conta as nosas propostas e as dos diferentes colectivos ambientais e culturais da comarca”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Para as nacionalistas, “é unha boa noticia, un punto de partida para empezar a falar de proxectos positivos para o Mandeo, para Betanzos e para toda a comarca”.

Neste sentido, aseguran agardar “un cambio de formas en diante” por parte do goberno do PSOE. Advirten que estarán “vixiantes” para que este asunto remate cunha solución positiva “manter a beira do Mandeo e atender as necesidades de Betanzos”. Desde o BNG consideran que a mobilización veciñal e a implicación de dez colectivos culturais e ecoloxistas da comarca foi vital para torcer o brazo do goberno local. “Puxemos un recurso á contratación, que foi o que administrativamente permitiu parar a contratación, mais está claro que o que fixo cambiar de parecer e actitude ao PSOE foi a contestación social”, explica.

Advertisements