O Santo Domingo arrinca con victoria a segunda volta da liga e con Rozas como MVP da EBA

santodomingobetanzosContundente victoria, por 90 a 66, ante o CB La Flecha para un Santo Domingo que arrincaba como local a segunda volta do campionato. A victoria chegou tras unha gran segunda parte (52-30), e rompendo así unha racha negativa de cinco derrotas consecutivas. Era o encontro correspondente á 14ª xornada do grupo AB da Liga EBA. Diego Fernández contaba coa baixa de Aarón Regueiro, recuperando tanto a Will Pereiro como a Dani Martín, ausentes por lesión na xornada anterior.

Tras varios encontros con resultados negativos, o Santo Domingo arrincaba a segunda volta no Carregal, ante o CB La Flecha, rival directo na clasificación, e presupoñendo un encontro igualado, á vista do desputado na xornada inaugural en Arroyo de la Encomienda (65-69). O choque arrincaba con igualdade nos primeiros compases, cos brigantinos cargando o seu xogo na pintura e con boa circulación de balón, mentres os visitantes apostaban pola súa liña exterior como referencia ofensiva (10-9 min 5). Os locais concentraban a defensa en frear aos tiradores López e Fisac, e buscaban un ritmo alto ofensivo, tomando as primeiras vantaxes significativas a medida que avanzaba o primeiro acto, liderados por Rozas, con 10 puntos anotados (23-16 min 10).

O segundo cuarto mantiña unha liña similar durante varios minutos. O Santo Domingo controlando o ritmo de xogo, con bos minutos ofensivos de Will Pereiro, e obtendo vantaxes na zona tanto cos seus interiores como con penetraciones dos seus exteriores, mentres os de Roberto González sumaban desde o perímetro e con accións dun contra un (29-23 min 15). As vantaxes seguían en aumento a medida que discorría o cuarto, ata unha máxima de dez puntos (38-28 min 18). Sería nese instante cando os vallisoletanos lograban un parcial favorable, e con dous triplos consecutivos, que se unían a varios erros dos nosos, equilibraban o marcador (38-36 min 20).

Tralo descanso, iniciábase o terceiro cuarto con desacerto en ambos aros, roto por Millán desde o tiro libre (38-38 min 22). Con todo, os de Diego Fernández volvían conectar cos seus interiores, á vez que afinaban puntería desde o 6,75, con triplos de Pereiro, Praza e Rozas, para volver abrir brecha no electrónico. Os xogadores que saían desde o banquiño mantiñan un bo nivel, e cunha canastra de Thiam chegábase ao final de cuarto con doce de vantaxe, e boas sensacións colectivas (63-51 min 30).

No cuarto final, a diferenza mantíñase sempre por encima dos dez puntos, rompéndose o marcador tras dous triplos case consecutivos de Dani Martín (76-60 min 34). Os visitantes buscaban reducir diferenzas, pero o pouco acerto desde o perímetro e desde o tiro libre, unido ao bo facer betanceiro en ambos lados da pista, daba un final de partido tranquilo para o equipo local, que alcanzaba a súa máxima vantaxe froito do seu acerto desde a liña de persoal (90-66 min 40).

A vindeira xornada o Santo Domingo Betanzos enfrontarase a domicilio ao CB Chantada (12-2), líder do grupo AB. O partido será o sábado 4, ás 18:30 horas.

Marcos Rozas, MVP estatal da Liga EBA

Con 41 puntos de valoración (31 puntos – 19 rebotes – 7 faltas recibidas), Marcos Rozas proclamouse esta semana MVP a nivel nacional da Liga EBA.

Advertisements