Pechan os equipamentos culturais do Edificio Arquivo pola xubilación do conserxe

A Oficina de Turismo está baixo a escalinata principal do Edificio Arquivo

O Edificio Arquivo concentra os equipamentos culturais do Concello, que pechan as súas portas

A xubilación do conserxe do Edificio Arquivo ven de traducirse no peche dos equipamentos culturais que o inmoble neoclásico alberga, que suman a practica totalidade das instalacións culturais municipais exceptuando o complexo de San Domingos e os centros educativos. Así, a sala de exposicións municipal, a de usos múltiples que adoito acolle mostras, o Salón Azul e a Aula de Cultura quedan sen unha persoa que as atenda. O ordenanza, ademais de ter a punto estes equipamentos, sacaba brillo ás instalacións, atendía despistados e coidaba o xardín que medra na escalinata principal do interior do inmoble grazas ao lucernario central.

O peche tradúcese na cancelación de mostras de pintura previstas para febreiro e a suspensión en diante. Para o Encontro de Teatro Afeccionado haberá unha solución puntual, con outro traballador, mais o goberno local foi incapaz de cubrir esta baixa prevista de hai tempo, pois o conserxe superaba xa en anos a idade de xubilación. Agora a culpa é da Lei Montoro, que segundo o goberno local impide contratar persoal. Unha lei, que como o BNG recorda en cada proceso de contratación de persoal, non impediu ao PSOE contratar unha patroa para a embarcación municipal. “Son as súas prioridades” remacha o edil nacionalista en cada debate sobre xestión de recursos humanos no pleno e nos comunicados que remiten. “A propia lei impide contratar persoal, non é impedimento interno do Concello” di o concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández, “non nos deixa o Estado”.

Advertisements