Cataclismos naturais na comarca: de cando un tsunami indonesio chegou a Betanzos

Botadura do Pepito Luis, pailebote construído nos astaleiros de ribeira de Betanzos

Botadura do Pepito Luis, pailebote construído nos astaleiros de ribeira de Betanzos

“Unha inmensa montaña de auga, cuxas espumosas ondulacións se asemellaban ao fume que despide na súa vertixinosa carreira a máquina dunha locomotora cando lle deixan libre paso” asustou aos betanceiros a finais de agosto do ano 1883. Sen saber aínda da globalización ou do efecto bolboreta, o que os nosos devanceiros naquela altura ignoraban era que o fenómeno en cuestión era o resultado dunha erupción volcánica no outro estremo dun mundo que, naquela altura, semellaba máis grande que hoxe.

Unha erupción do Krakatoa, en Indonesia, fixo chegar a Galicia mareas descomunais, os restos do tsunami que o volcán provocou ao seu pé xunto aos ríos de lava na illa e a nube de cinzas volcánicas que causou estragos borrando do mapa literalmente a illa na que o volcán se asentaba. O golpe de calor evaporou en quilómetros a auga do mar e o estourido da erupción escoitouse ata a 4800 quilómetros de distancia no que se cre que foi o ruído máis alto dos rexistrados na historia, provocando a xordeira dos mariños que andaban relativamente próximos ao lugar do cataclismo.

Dous días despois, se cadra aínda descoñecendo a erupción indonesia ou sen relacionar unha cousa con outra, a prensa galega rexistra novas de alarmantes mareas vivas. En todos os portos de mar rexistráronse fenómenos estranos. Betanzos, cunha ría moito máis aberta e navegable que na actualidade, non foi unha excepción. No xornal Las Noticias, o correspondente na nosa cidade relata “un raro fenómeno xamais visto aquí efectuouse onte na nosa ría. Serían as seis da mañá, hora na que a marea estaba completamente baixa, cando un estraño ruído parecido ao murmurio dunha tempestade puxo en alarma aos veciños do barrio da Ribeira”.

Este ruido do mar fixo que os betanceiros saísen “espantados das súas casas e dirixindo as súas miradas cara ao sitio de onde proviña, viron con terror unha inmensa montaña de auga, cuxas espumosas ondulacións se asemellaban ao fume que despide na súa vertixinosa carreira a máquina dunha locomotora cando lle deixan libre paso”. A crónica relata logo como “instantaneamente énchese a ría con tal violencia que algunhas lanchas, rompendo as cadeas con que estaban amarradas, precipitáronse a estrelarse contra as beiras. Os botes, uns foron arrastrados polas augas e os outros alagados completamente. Un ‘queche’ que se atopaba en seco se puxo á boia con tanta forza que a pouco se fai anacos. Isto repetiuse seis veces con intervalos dunha hora ata as doce do día que deixou de notarse máis movemento que o ordinario”.

Este testemuño da nosa cidade é un máis de varios rexistrados polo Portal da Ciencia Galega GCiencia, que dedica unha reportaxe ás consecuencias da erupción do Krakatoa nas costas galegas naquel agosto de 1883.

Advertisements