Xornal rexistra o mellor xaneiro da súa historia cun 4% máis de lectores que en 2016

xornalMes tras mes e pouco a pouco as cifras van amosando a consolidación do proxecto informativo de Xornal de Betanzos. O mes de xaneiro que ven de rematar pechou cun incremento do 4% con respecto as estatísticas do primeiro mes do pasado ano grazas ás 4486 visitas únicas rexistradas. É un 14% menos ás rexistradas o pasado mes de decembro, que sempre amosa unhas cifras algo superiores ao incluír a programación festiva de Nadal. As cifras deste mes supoñen o mellor mes de xaneiro desde a fundación deste medio e amosan que pouco a pouco este proxecto informativo se consolida como fonte dixital de información de proximidade para Betanzos e os seus contornos, cumprindo un dos obxectivos fundacionais do proxecto.

A nova máis vista este mes foi o premio Dioxina para o alcalde de Aranga por querer inzar de eucaliptos un espazo protexido, que sumou 537 visitas únicas. A prata este mes é para o corte, xa solventado, da avenida Jesús García Naveira por avarías no subministro de auga, con 189 visitas únicas. A terceira nova máis vista este mes foi a tweetrevista ao voceiro do PSOE en Miño, Manuel Váquez Faraldo, con 184 visitas. Recordamos que o alcalde miñense, Ricardo Sánchez Oroza, será o seguinte entrevistado e que podedes enviar as vosas preguntas polas nosas redes sociais ou ao correo.

Desde que en xuño de 2009 este proxecto informativo comezou a andar atrevesou dous períodos de inactividade que se reflexan perfectamente na estatística histórica da audiencia. O cambio de dirección, a aposta por ampliar os contidos culturais e deportivos e a introdución de reportaxes sobre temas que non centran estrictamente a actualidade local ten sido ben acollida pola comunidade de lectores que dá sentido día a día á existencia deste portal informativo.

A última innovación polo momento foi o salto ás redes sociais, contando neste intre con 2637 seguidores na nosa páxina na rede social en Facebook e 889 seguidores na rede social Twitter, cun perfil de máis recente creación. En breves estaremos en disposición de anunciar novidades de calado no proxecto, mais polo de agora queremos agradecer o apoio dos nosos lectores e continuar informando do mellor xeito posible.

Advertisements