A Xunta tumba o PXOM de Sada pola desfiguración e construción excesiva nos núcleos tradicionais

O museo Carlos Maside en Sada, realizará visitas excepcionalmente en Semana Santa

O museo Carlos Maside, no complexo da Cerámica do Castro na parroquia do Castro de Samoedo, Sada

A Xunta tumbou o Plan Xeral sadense baseándose nun extenso informe de doce páxinas, tras o que a Consellería de Territorio optou por emitir unha orde de non aprobación. Segundo o goberno galego o crecemento previsto para os núcleos rurais non está xustificado e ordena recurtar desenvolvemento, singularmente nas parroquias de Veigue e Carnoedo.

Segundo o informe, o Plan Xeral aprobado polo goberno de En Marea- en Sada chamada Sadamaioría- “delimita como chan de núcleo rural terreos actualmente rústicos, de considerable superficie e con escasa ou ningunha edificación” e sinala os terreos baldíos ao longo da estrada en Agra (Carnoedo), en Pé de Muíño (Meirás) e un área de Soñeiro. Ademais, indica que a capacidade de acollida poboacional destes núcleos “non xustifica a delimitación de parte dos ámbitos de chan de núcleo rural común ocupando terreos vacantes de edificacións”.

O goberno galego cuestiona, ademais, que o desenvolvemento previsto en diversos núcleos rurais “non parece congruente coa estrutura e morfoloxía dos asentamentos tradicionais ao establecer unha forzada continuidade entre asentamentos tradicionais e mesmo entre estes e o solo urbano”, vulnerando deste xeito o previsto nas Directrices de Ordenación do Territorio. Refírese, ademais, que parte dos núcleos se estiran de maneira artificiosa para incluír edificacións “illadas” ou “naves, tipoloxía prohibida en núcleo rural”.

Non só o solo rural motiva o varapalo da Xunta ao planeamento sadense. Tamén o Plan de Ordenación do Litoral vese infrinxido, o que motiva a orde de reformular crecementos previstos dentro da área paisaxística costeira, por resultar “incoherentes” co que estipula a norma galega. Isto afecta especialmente aos desenvolvementos previstos en Veigue ou Carnoedo ao longo de varias estradas.

O goberno galego tamén cuestiona as previsións do Plan para o solo urbano e urbanizable, advertindo que non se pode ordenar directamente co plan o entorno da rúa Párroco Villanueva. A Xunta cuestiona tamén a redelimitación do chan urbanizable industrial porque non se adapta ao plan sectorial de ordenación de áreas empresariais

O goberno local, polo momento, atribuíu todas estas eivas ao pedazo do Plan Xeral elaborado polo PP en 2013, tras a exposición pública do documento. Afirma que este crecemento debeuse a que o PP estimou naquela altura todas as alegacións veciñais. Porén, foi o executivo de Sadamaioría quen aprobou de maneira inicial o Plan Xeral, enfrontándose a colectivos ecoloxistas e ambientais polo desenvolvemento urbanístico e as construcións previstas no entorno do humidal das Brañas.

 

 

Advertisements