Miño recalifica a rústico unha antiga urbanización co PP virando 180º a súa argumentación

O goberno local de Miño nun Pleno

O goberno local de Miño nun Pleno

No goberno municipal de Miño o da coherencia non é un valor en alza. O executivo levará ao pleno o vindeiro luns unha modificación do Plan Xeral- a cuarta desde que entrou en vigor en 2002- para recualificar os terreos onde se proxectaba unha urbanización de 40 chalets, no entorno da Ponte Baxoi. Sobre o plano debuxarase agora unha explotación agrícola a petición dos propios propietarios do ámbito, duns 22 000 metros cadrados próximos á marisma do río Baxoi. Pasarán agora, de ser solo urbanizable a chan rústico de protección agropecuaria.

A posición do goberno local, conformado polo PP agás na presidencia, é diametralmente oposta á que mantiña o PP cando gobernaba con maioría absoluta en 2007. Naquela altura o PP dicía que os terreos eran urbanizables e que podían construírse edificacións ata a 30 metros do río Baxoi, a pesar das dúbidas manifestadas pola Xunta e a crítica da oposición pola destrución ambiental e paisaxística que construír nesta zona implicaría. Agora, Jesús Veiga- exalcalde e extenente de alcalde nos sucesivos gobernos do PP na localidade e actual tenente de alcalde- e os demais edís do PP sosteñen, ademais, que o sector inclúe terreos na zona de afección da estrada N-651, aos que hai que sumar os protexidos pola proximidade ao río Baxoi. En 2007 os mesmos protagonistas non vían estes impedimentos para levantar 40 chaléts neste entorno.

A incorporación do Camiño Inglés ao PXOM aprobado en 2002 obrigará, ademais, a reclasificar sete ámbitos de chan rústico apto para urbanizar como chan rústico de especial protección.

Advertisements