O Concello organiza varios actos para conmemorar o Día de Rosalía o vindeiro día 24

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Cun programa que une unha ximcana literaria polos centros de ensino de Betanzos, unha mostra bibliográfica, un recital e mais os versos da matriarca das Letras Galegas nos edificios municipais, o Concello repite o esquema do pasado ano para celebrar o Día de Rosalía por quinto ano.

A celebración, promovida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi aprobada polo pleno en febreiro de 2012 a iniciativa do BNG, que propuña como eixos da celebración a organización de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen á veciñanza, lectura pública da obra rosaliana na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista e mais levar os versos de Rosalía de Castro ás rúas en forma de grafittis ou balconadas.

Aquel ano o goberno local non tomou en serio a moción dos nacionalistas, polo que a Asociación Cultural Eira Vella, a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Plataforma Cidadá Queremos Galego!- da que forman parte tres centos de entidades galegas, como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Mesa pola Normalización, BNG, CIG ou asociacións veciñais e culturais- organizaron unha multitudinaria homenaxe na aula de cultura contando coa colaboración do  CEIP Francisco Vales Villamarín.  Era o ano en que se farían 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro e todas estas entidades non querían deixar pasar por alto a efeméride.

Ao ano seguinte, tras o toque de atención da sociedade civil, o goberno local si que xa cumpriu os acordos da moción promovida polos nacionalistas. E así chegamos a este ano, en que se prevén “Versos rosalianos na rúa”
, do 6 ao 28, nos balcóns dos principais edificios municipais terá lugar a exposición “Versos rosalianos na rúa”, a
Homenaxe a Rosalía de Castro na Aula de Cultura, nun acto conducido pola actriz Isabel Risco, no que distintas asociacións e alumnado dos centros de ensino betanceiros renderanlle tributo á escritora. Pechará a homenaxe a cantante galega Najla Shami, que versionará varios poemas de Rosalía.

Os centros de ensino acollerán senllas ximcanas literarias, a través da obra da autora, que será o eixo dunha mostra bibliográfica que durará todo o mes na Biblioteca Municipal Castelao, visitable no horario habitual da biblioteca, de luns a venres de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h e os sábados de 10:30 h a 13:00 h.

O Día de Rosalía máis internacional

Este ano o Día de Rosalía ten, ademais, un marcado carácter internacional logo de que o Ministerio de Fomento accedese a dar o nome da matriarca das Letras Galegas ao aeroporto compostelán de Labacolla. A compañía aérea low cost Norwegian ven de anunciar que incorpora a imaxe da poeta na librea dun dos seus novos avións, recoñecéndoa como pioneira na recuperación do galego e mais na loita pola igualdade das mulleres, un aspecto da obra de Rosalía que adoito pasa desapercibido. Iberia xa lle dera hai anos o seu nome a outro avión. Ademais, a Deputación implicouse no centenario da estatua de Rosalía de Castro no paseo compostelán da Ferradura.

Advertisements