O PP tenta agora presentarse como salvador do Mandeo

Un instante do roteiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Un instante do roteiro contra o paseo, que o PP non apoiou. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Din que as derrotas son orfas pero que aos triunfos aparécenlle pais por todas partes. Debe ser o que explica que o voceiro do PP se apunte o tanto da mobilización social que conseguiu paralizar o paseo entre o peirao das Monxas e Os Caneiros. Segundo detalla o edil no seu perfil da rede social Facebook, o goberno local paralizou o paseo “no por las movilizaciones ni críticas, sino porque esa obra no la podían llevar a cabo”.

Asegura que foi o PP quen paralizou a obra desde o Concello de Coirós xa que o goberno local de Betanzos “ni poseían la licencia de autorización por parte de la administración local del concello limítrofe, ni había un previo acuerdo o convenio con la susodicha entidad local de Coirós para ejecutar estas obras”. José Ángel Rodríguez omite do seu razonamento que o seu compañeiro no PP e alcalde de Coirós, Francisco Quintela, rectificou a súa postura inicial sobre o paseo- no pleno negou, a preguntas do BNG, coñecer nada sobre o paseo mais vetou o debate dunha moción dos nacionalistas onde se pedía abertamente obrigar a modificar o trazado dentro do municipio de Coirós.

“Ésta es la realidad del porqué de la paralización de la Senda Peatonal, y por lo qué el Alcalde se vio obligado a para el proceso de licitación” asegura o voceiro do PP en Betanzos. Evita indicar que se o proceso administrativo se paralizou, non foi por ningún escrito do Concello de Coirós- que á data do pleno o alcalde de Betanzos asegurou que non recibira- senón a un recurso interposto polo BNG porque a contratación de obra pública no concello do lado sería ilegal.

O PP betanceiro viuse obrigado a modificar a súa postura e a seguir a liña que marcou Quintela desde Coirós sobre o polémico paseo. Tras anos defendendo o proxecto e gardando un silenzo elocuente desde que o PSOE sacou a licitación a obra o día dos Inocentes, agora súbese ao carro das dez entidades sociais e á oposición do BNG para denunciar que o proxecto, tal e como o votaron os edís do PP no pleno (incluído o propio Rodríguez Prieto) precisa “una serie de modificaciones sobre el impacto medioambiental en la futura senda peatonal desde La Tolerancia hasta el Campo de Los Caneiros” asegurando, agora, que o camiño precisa “una serie de modificaciones en el Paseo para que su impacto sobre la naturaleza fuera lo menos dañino posible”.

Como recolle a hemeroteca do web municipal, foi o goberno do PP quen encargou o primeiro proxecto do paseo, ao que destinou 60 000 euros procedentes dunha subvención. Na nota de prensa, sen data, figuran todos os elementos que provocan impacto ambiental no río. O plano que acompaña á nota evidencia que, no primeiro proxecto do goberno local do PP o trazado incluía todo o camiño pola beira mesma do Mandeo, invadindo a cara máis próxima ao río do Carrizal de San Xiao.

Cando varias entidades ecoloxistas se mobilizaron, Faraldo remontou o Mandeo para anunciar que exixiría á Deputación modificar un proxecto que realmente ideara o seu goberno. Con ese cambio foi contratado pola Deputación, nunha obra que finalmente quedou fóra do Plan Mandeo e do financiamento da UE porque o executivo do PP en Betanzos non expropiara todos os terreos necesarios.

A partir de aí son Ramón García (PSOE) como alcalde e Diego Calvo (PP) como presidente da Deputación quen asinan un convenio en 2013 para facer o paseo. O terceiro proxecto para esta obra, polo tanto, é o que aproban PSOE e PP nun pleno celebrado o 26 de agosto de 2014, en plena resaca das festas patronais e coa veciñanza limpando as embarcacións da segunda xira aos Caneiros. José Ángel Rodríguez Prieto, que agora alude ao “impacto sobre la naturaleza” do paseo, defendía a actuación precisamente porque era herdeira da obra proxectada pola súa mentora, María Faraldo. Agora virou a postura para apuntarse o tanto e erixir ao PP en defensor do ecosistema privilexiado do Mandeo.

Advertisements