O goberno local concedeu esta semana unhas subvencións que tiñan que estar xustificadas en decembro

eurosAs convocatorias de subvencións abertas, ás que todas as entidades poden presentarse en igualdade de oportunidades, atragántanselle ao PSOE betanceiro. Xa non é só que reparta 115 000 euros en subencións asignadas directamente a quen o goberno e os seus aliados queiran- o que o BNG chama “subvencións a dedo”, incrementadas novamente co orzamento pactado por PSOE e En Marea- e só 25 000 euros en axudas convocadas en aberto. É que, ademais, a xestión do goberno local ten provocado graves problemas con esta orde de axudas nas dúas últimas convocatorias realizadas. Porque, esa é outra, non todos os anos convoca subvencións para que todas as entidades se poidan presentar mentres que si que dá todos os anos as “axudas a dedo” que denuncian os nacionalistas.

Se na anterior convocatoria o asunto chegou a pleno por rematar o prazo de xustificación das axudas sen ter asignado as mesmas aos beneficiarios, neste ano prorrogáronse no tempo de desconto, segundo se desprende da resolución publicada hoxe no web municipal e asinada o pasado día 3 polo alcalde. Trátase dunha convocatoria realizada o 15 de setembro, que tiña como límite para xustificar as axudas o 2o de decembro. E que, polo que se ve, tivo que ser prorrogado porque non estaban aínda concedidas. Coa resolución de onte faise público o importe recibido por cada entidade para actividades que deben redundar en beneficio do municipio, como recolle a convocaroria.

Así, á Asociación Mirabal correspondéronlle mil euros e á de Loita contra o Cancro 900. A Asociación de Veciños O Santiago de Xanrozo recibirá 898 euros, a de Mulleres Rurais Liafail uns 1400 e o ANPA Nosa Señora do Carme un total de 1384. A peña deportivista Brigantium contará con 844 euros mentres que 784 serán para a asociación Lar de Unta, 800 para O Norte, 562 para a asociación veciñal da Condomiña e 1000 para a de San Martiño de Tiobre. Peña Lastras recibirá 1632 euros e a ANPA O Carregal un total de 1138. AMTCD Betanzos recibirá 1001 euros, Lorenzana Racing 891, os veteranos de fútbol de Infesta recibirán 1018, a Agrupación Norte 735 euros e a Peña Magdalena 1201. A AX Brigantium lévase 1400, o club de xadrez 1140 e Brigantium Veteranos con mil euros.

O centro Pai Menni cólase nunha convocatoria teoricamente destinada a asociacións e colectivos sociais e sumará 1481 euros a todas as axudas públicas que o colexio, de titularidade privada, recibe da Xunta ao longo do ano.

Convenio coa Cruz Vermella

O goberno local fixo coincidir a publicación destas exiguas axudas co anuncio da sinatura do convenio coa Cruz Vermella, unha desas subvencións outorgadas directamente polo goberno sen criterios obxectivos nin públicos. Nun comunicado anuncia que responde “á xestión do programa de reforzo de alimentos dende o que se atenden casos de familias en situación de especial vulnerabilidade residentes no concello previo informe dos Servizos Sociais Municipais”. “Para levar adiante este programa o Concello destina 10.000 euros para á compra de produtos de primeira necesidade para as familias de rendas máis baixas do municipio. Esta achega completará a partida de alimentos que se recibe de axuda por parte do FEGA, o Fondo Español de Garantía Agraria” engaden.

Discriminación en contías, destino e periodicidade entre axudas en igualdade e subvencións a dedo

O goberno local trata de xeito diferente a un grupo de entidades que elixe directamente e ás que asigna fondos municipais de maneira totalmente discrecional e sen uns criterios obxectivos e públicos. Así, o orzamento aprobado por PSOE e En Marea- a través dos dous grupos que o partido ten na Corporación, BN e BeC- incluía 115 000 euros en subvencións outorgadas directamente a diversos clubes e entidades.

Estas axudas outorgadas directamente sen un procedemento público son, segundo relataba o executivo local nun comunicado, “Cruz Vermella, 5000 euros, subvención á Coral Polifónica 5000 euros, subvención ao Betanzos CF, 18000 euros, convenio con ACEBE CCA 14000 euros, subvención á ANPA do CEIP Vales Villamarín 11000 euros, subvención ao Club Kwon 2500 euros, subvención ao Club Náutico Ría de Betanzos 12000 euros, subvención á Asociación de Amigos da Banda de Betanzos 5000 euros, subvención á Fundación CIEC 5000 euros, subvención ao Club Troula Fútbol Sala, 8000 euros, subvención ao Club de Baloncesto Santo Domingo 8000 euros, subvención á Asociación Pro Enfermos Mentais APEM 2500 euros, subvención ao Club Caimáns BTT 3000 euros, subvención a Cáritas Betanzos 4500 euros, subvención ao Club Ciclista Betanzos 3000 euros, subvención ao Club Caneiros Kick Boxing 2500 euros, subvención á Asociación de pais e nais de persoas con parálise cerebral ASPACE 2000 euros, convenio coa Asociación de Amigos do Casco Histórico 3000 euros”.

O trato discriminatorio do executivo local e os seus socios cara unhas e outras entidades non queda na asignación directa. Mentres que estes clubes e entidades poden destinar estes cartos municipais á adquisición de equipamento deportivo, compra de uniformidades, mobiliario ou outros enseres, para as entidades que non están incluídas neste selecto grupo a orde de subvencións que se acaba de publicar impide este tipo de gastos que permitiría avanzar e consolidar as entidades. Algunhas das asociacións que quedan fóra da lista elaborada por PSOE e En Marea teñen tanta ou máis actividade, masa social e traxectoria que algunhas das que si reciben as subvencións que o BNG cuestiona por darse “a dedo”. Os nacionalistas sosteñen que este proceder supón facer “dirixismo” do tecido asociativo, impedindo acceso igualitario aos fondos municipais por facer “clientelismo” o equipo de goberno.

Falta total de transparencia sobre as finalidades dos convenios e axudas

A lei exixe un plan xeral de subvencións para facer públicos os obxectivos e finalidades da entrega de fondos públicos, neste caso municipais, a entidades privadas, que é o que son asociacións e clubes. Sen embargo, en ningún momento o goberno local ofreceu información obxectiva sobre as obrigas que adquiren as entidades agraciadas cunha axuda directa nin sobre os proxectos que se financian con cargo ás axudas convocadas en igualdade de trato. Resulta imposible consultar calquera destes extremos no portal de transparencia do Concello.

Presuntamente, as actividades financiadas polo erario público teñen que redundar en beneficio da comunidade que as financia, e así o recollen as bases publicadas no BOP o 15 de setembro do pasado ano. É un “beneficio” difuso sobre o que o executivo local evita informar para que a cidadanía poida facer seguemento.

Advertisements