O PP critica agora a baixa no Liceo que o BNG propuxo cubrir a semana pasada no pleno

A Oficina de Turismo está baixo a escalinata principal do Edificio Arquivo

O Edificio Arquivo concentra as salas culturais do Concello

O pasado martes 31 o pleno debatiu unha moción de urxencia, presentada polo BNG, para cubrir de contado a baixa producida pola xubilación do conserxe do Edificio Arquivo, que se traduciu na cancelación da actividade cultural que as salas municipais situadas neste inmoble acollen. No BNG lamentan a falta de previsión do goberno local, xa que “a persoa que se acaba de xubilar viña emprestando servizos en situación de prórroga, pois había anos que sobrepasara a idade de xubilación”. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, puntualizou que “non se tratou dunha prexubilación difícil de prever, como a da Escola Infantil, senón dunha situación perfectamente coñecida desde hai anos por un goberno local que adiou conscientemente calquera solución a este problema”.

Onte, logo dunha semana do pleno e de que trascendese o peche das salas culturais do Liceo, o PP remitiu unha nota de prensa para criticar a política de persoal do executivo local, sen achegar ningunha proposta para paliar o problema do peche das salas culturais. O PP critica que alcalde e concelleiro de persoal volvan “cargar tintas e nesta ocasión contra a administración estatal refuxiándose por enésima vez na Lei de Racionalización e Sostenibilidade, unha cortina máis de fume”.

Sostén a dereita que o goberno local usou “varias veces este arma de culpar a outros sen facer eles absolutamente nada para solucionar os problemas deste concello e sen anticiparse a eles”. Atribúen isto á “pésima xestión de persoal” e critican que “para o que lles interesaba si daban cobertura a certas prazas, e das cales terían que dar explicacións do porqué en destinos menos necesarios si cobren e nos que realmente esixe de axilidade para cubrilos non moven nin un dedo”- en relación velada á praza de patroa da embarcación municipal cuxa contratación, sen embargo, o PP nunca criticou.

 

Para o grupo popular “é realmente lamentable que se sigan dando ano tras ano este tipo de situacións no referente ao apartado de persoal, e lamentable do mesmo xeito que teñan o valor continuamente de estar culpando a outros cando o problema radica evidentemente no equipo de goberno socialista que rexenta este concello”.

Advertisements