PP e goberno local enfróntanse pola limepza da finca do pazo de Baldomir

O Concello de Bergondo

O Concello de Bergondo

PP e goberno local protagonizan a enésima lea en Bergondo a conta do pazo de Baldomir e a limpeza da súa finca. Se o executivo, por boca do tenente alcalde Juan Fariña, se queixa do “despropósito” de que o pazo sexa unha illa de titularidade privada no medio dun predio público, o PP arremete contra os gobernantes porque a finca está a monte.

O Concello acaba de anunciar que sacou a contratación os traballos de limpeza da finca do pazo, que é de titularidade muncipal. Sobre a finca ven a primeira desputa entre populares e socialistas. A dereita critica que o executivo local anuncie sancións aos propietarios que teñan as súas fincas a monte cando o propio consistorio ten abandonada a parcela do pazo. Unha parcela que é de titularidade municipal a consecuencia da construción dunha urbanización en torno á casa solariega nos anos 90, gobernando aínda o PP o municipio. O documento de desenvolvemento da urbanización establecía que a parcela sería un xardín de uso público e o pazo, privado, sería rehabilitado nuns anos como un centro social “ao servizo da ordenación proxectada”. Nunca chegou ese momento e un incendio que o afectou compromete mesmo a súa recuperación, que o paso do tempo e a ruína fan case inviable.

Para o executivo socialista, rescatar o pazo é  un “marrón considerable” dado o “sensentido” de ter unha “illa privada” no medio dun predio público. “Agora hai unha ruína tremenda” asegura Juan Fariña que cuestiona que sexa tamén municipal un terreo “que non vale para nada” xunto á autopista. Para o PP, a causa da actual situación da parcela é o “abandono”, que constitúe “un perigo para a seguridade dos veciños do municipio.” A dereita cuestiona que “o temporal que azoutou a zona o pasado fin de semana provocou a caída dunha árbore sobre a estrada privada dunha urbanización”. Segundo a voceira da formación, Noelia Fernández, “en xullo dese ano os veciños xa se queixaron de que o concello non se preocupou nin de limpar a leira nin de manter o teixo”.

Porque o teixo é outro dos elementos de desputa entre populares e socialistas. Trátase dunha árbore que supera os 200 anos, incluída no catálogo de árbores senlleiras de Galicia que está no predio municipal e nun estado de abandono alarmante. O PP alardea de ter presentado unha denuncia contra o Concello ante Medio Ambiente polo estado da árbore e a parcela e o goberno local anuncia que está precisamente agardando a autorización da Xunta para meterlle man á árbore, retirar pólas danadas, toxos e especies invasoras e darlle un tratamento fitosanitario para mantela a xeito. Os aloumiños que deron en matar ao teixo centenario de Pontedeume.

Para o PP, a limpeza da finca pode facerse xa porque o goberno “non precisa autorización de ninguén”. Os socialistas anuncian que veñen de sacar a contratación os traballos e mentres tanto a dereita denuncia que “non é de recibo” que o goberno local pretenda multar aos propietarios das leiras que poderían supoñer algún risco polo estado de abandono no que se atopan, “cando o propio concello non cumpre as súas normas, permite que a leira do Pazo de Baldomir estea completamente deixada da man de Deus, e non dea exemplo ao resto dos veciños”.

Advertisements