A programación municipal do Entroido repite o esquema sen imaxinación dos últimos anos

Máscara de entroido realizada no obradoiro de Sargadelos

Máscara de entroido realizada no obradoiro de Sargadelos

A programación deseñada polo goberno local para o Entroido que se aproxima cae na repetición e na falta de imaxinación que ven sendo tónica habitual. Festas infantís nos locais sociais de barrios e parroquias, baile da terceira idade, verbena popular no Campo e mais Enterro da Sardiña son os actos previstos e incluídos na axenda cultural municipal para febreiro- que enchen o Encontro de Teatro Afeccionado que organiza unha asociación, a homenaxe a Rosalía tamén coa mesma programación que nos últimos anos e o Entroido exclusivamente.

Concretamente, as festas infantís terán lugar entre o 24 e o 27 de febreiro, de venres a luns de Entroido, a partir das cinco da tarde. A programación municipal non detalla a orde de celebración nin dá máis pistas sobre o contido que a “colaboración coa asociación de veciños”. Ese mesmo Luns de Entroido terá lugar, desde as seis da tarde, un baile para a terceira idade na Aula de Cultura, “durante o baile sortearanse catro cestas con produtos típicos destas datas” anuncia o programa.

O 28, Martes de Entroido, haberá outra festa infantil, nesta ocasión na Sala de Usos Múltiples do Edificio Liceo (a última planta, no que non ocupa o Belén móbil) que “rematará cun desfile infantil de disfraces con sorteo de agasallos entre os nenos e nenas que participen”. Tamén será ás cinco da tarde. Unha hora máis tarde arrinca unha “verbena popular” no Campo. Sen máis datos.

E para as sete e media do 1 de marzo está prevista a saída, desde o Edificio Arquivo, do Enterro da Sardiña.  “Formarase a comitiva fúnebre que acompañará a Sardiña polas rúas betanceiras, finalizando no Malecón coa queima da Sardiña no río e cunha sesión de fogos de artificio e posteriormente na Praza dos Irmáns García Naveira procederemos á queima do Deus Momo e despediremos o Entroido” explica o programa sen detallar percorrido e se, como noutros anos, levará carrozas empregando o corpo da muller como reclamo para captar a atención.

Como se acostuma dicir cando alguén fai algo de maneira mecánica e reiterativa, “sota, cabalo e rei”. Ou o que é o mesmo, festa infantil, verbena e baile da terceira idade. Vale o mesmo para o Nadal que para o Entroido, cambia Papa Noél por un paiaso e a cesta de Nadal con outra con cacheira e butelo. Desaparecen por completo da programación as datas e os contidos tradicionais que dan sentido a unha festa cun milleiro de anos as costas. O tradicional, o irreverente e o imaxinativo, o máis mundano e os contidos para todo ese abano de poboación que queda entre as festas infantís e os bailes da terceira idade queda fóra da oferta municipal, que os deriva sen máis opción aos locais de copas.

Concursos de disfraces na Cañota e no Rollo

Os locais de hostalaría das rúas da Cañota e o Rollo e organizan os xa tradicionais concursos de disfraces na noite do Luns de Entroido, dotadso de varios premios en metálico en categorías individuais e de grupo. As bases de cada un deles están a disposición do público na cartelería anunciadora en cada unha das dúas rúas da “movida”. O sábado haberá anticipo cun concurso entre locais de ambas rúas conxuntamente.

Advertisements