Curtis busca dotar de contido o Centro Etnográfico do Río Mandeo coa colaboración do CEIDA

O Centro Etnográfico do Río Mandeo, en Teixeiro, Curtis

O Centro Etnográfico do Río Mandeo, en Teixeiro, Curtis

Os concellos da comarca continúan buscando a maneira de dar uso e poñer en valor os investimentos do Proxecto Mandeo, que anos despois de levarse adiante están ou deteriorados ou infrautilizados. Este é o caso do Centro Etnográfico do Río Mandeo, situado en Teixeiro, para o que o Concello de Curtis busca darlle realce ao contido formativo coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), ubicado nas oleirenses Torres de Santa Cruz.

O alcalde e o director do CEIDA visitaron o centro chamado a divulgar o patrimonio cultural e etnográfico da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para buscar modos de colaboración para dotar de contido un edificio levantado ex profeso para esta finalidade, presuntamente inspirado nos tradicionais palleiros, ubicado no medio dunha zona boscosa e cunha mención no certame internacional de arquitectura de Padua. A pesar de todo isto, rexistra un discreto uso, como todas as infraestruturas do Proxecto Mandeo, que gastou ducias de millóns de euros pola comarca.

Advertisements