Empregados e directivos de Tafiber citados a declarar por presunto delicto ambiental

Unha vista da planta de Tafisa, instalada en 1975 na nosa cidade

Unha vista da planta de Tafisa, instalada en 1975 na nosa cidade

Betanzos HB, a antiga Tradema- tamén chamada Tafisa ou Tafiber en distintos momentos da súa dilatada traxectoria na nosa cidade-, entra no antigo Hospital de San Antonio, actual pazo de Xustiza betanceiro. O xulgado de  primeira instancia e instrución número 2 de Betanzos acaba de citar a declarar a varios directivos e empregados da factoria. A Fiscalía acusa á empresa madeireira dun delito contra o medio ambiente. E para ter máis tempo para a instrución da causa, o Ministerio Público solicita que se declare causa complexa o asunto.

Segundo a información que trascendeu, o Fiscal acusa a Tafiber – agora Betanzos HB trala súa segregación do grupo Sonae- de eliminar residuos tóxicos sen control administrativo “ao longo dos anos”. A Fiscalía dirixe a súa acusación contra ambas empresas e contra dous directivos que ocuparon cargos nas dúas firmas. Varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na sala do Contencioso-Administrativo, consideraron probado hai anos que a firma, ademais, verqueu á ría sen autorización durante anos e que queimou residuos procedentes doutra industria.

Un momento dunha concentración ante a planta de Tafiber- agora Betanzos HB

Un momento dunha concentración ante a planta de Tafiber- agora Betanzos HB

Non é a única causa que instrúe o xulgado de Betanzos contra esta empresa radicada desde hai décadas a carón do núcleo de Infesta. Segundo as actas de citación, paralelamente ao proceso por un delito contra o medio ambiente, o Xulgado de Instrución número 4 abriu tamén dilixencias por un suposto delito contra a seguridade no traballo. Como acusación, novamente o Ministerio fiscal e a CIG. O ano pasado rematou para a firma cunha condea de readmisión a un traballador, que o TSXG considerou probado que fora despedido en represalia pola súa actividade sindical na CIG.

Un dos extraballadores da factoría, citado en calidade de testemuña e despedido por “baixo rendemento”,  declarou que existía unha balsa de terra que foi eliminada en 2014 na que se depositaban augas residuais e que recibían ordes de verterlas directamente ao río coincidindo con mareas altas. O exempregado, un dos que denunciou irregularidades na fábrica, sostén que os residuos queimábanse nunhas caldeiras na que se mesturaban produtos químicos con cortizas e que xeraban gases e vapores nocivos, e que cando a Xunta ía realizar unha medición, a empresa advertía para que non se botasen produtos químicos.

Unha nova subvención pública nun programa de I+D+i da Xunta

A empresa leva anos recibindo cuantiosas subvencións públicas. A Axencia Galega de Innovación seleccionouna o pasado ano para participar no Programa AgroBiotech Innovación. Trátase dunha iniciativa desenvolvida polo Parque Tecnolóxico de Galicia en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, que “aspira a incrementar o nivel de excelencia das pemes innovadoras galegas que amosen un potencial crecemento e que estean aliñadas nas actividades priorizadas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia”, segundo informa a propia empresa no seu web.

A empresa conseguiu axudas para desenvolver dous proxectos con fondos europeos a través do programa Conecta Peme 2016-2018. Un deles investiga as aplicacións con concentrados de extractos para mellorar a resistencia de elementos constructivos e o outro a posible utilización dos extractos de madeira como “aditivo para a produción de viños e bebidas refrescantes”. A compañía preséntase na súa web como unha “industria sustentable” que usa como materia prima unicamente madeira e auga e a enerxía térmica procedente de biomasa.

PSOE e PP vetaron que o Concello se personase na causa

O pasado mes de xullo, cando trascendeu que a Fiscalía tiña abertas as dilixencias por un presunto delicto ambiental na fábrica, o BNG demandou no pleno da Corporación que o Concello se persoase nas dilixencias previas abertas no Xulgado nº2 de Betanzos contra Tafiber- agora Betanzos HB- por un presunto delito ambiental a raíz da denuncia da Fiscalía de Medio Ambiente.

“No BNG consideramos que estas novas son o suficientemente preocupantes para a saúde pública e para o benestar da nosa veciñanza” indican as nacionalistas tras facerse pública a denuncia presentada pola Fiscalía en base a unha denuncia presentada ante o SEPRONA por exempregados da factoría ubicada en Infesta.

Sen argumentos, PSOE e PP uniron os seus votos para impedir que o Concello puidese estar personado no Xulgado, ter acceso ás analíticas, informes e documentación da instrucción e poder defender o interese público diante da Xustiza de ser o caso. Este é o debate da moción:

Advertisements