O PP súmase ao BNG pedindo máis iluminación no Valdoncel, que o goberno prometera hai un ano

A rúa do Valdoncel

A rúa do Valdoncel

O PP reclamou no pleno a instalación de novos puntos de luz na rúa do Valdoncel, onde os veciños alertan da falta de visibilidade na vía. Demandan que o goberno revise todas aquelas zonas da contorna urbana nas que se estean dando deficiencias de iluminación, xa que afirman recibir frecuentes queixas, polo que no próximo pleno anuncian que persentarán a mesma reclamación se non se toman medidas.

Esta cuestión foi levada polo BNG hai agora exactamente un ano. Naquela altura, o goberno local asegurou, saíndo ao paso dun comunicado dos nacionalistas, que os traballos de substitución de farolas tradicionais por outras novas con tecnoloxía led “aínda non terminaron” e anticipaban que “as deficiencias que poidan existir nalgún tramo, como por exemplo na zona do Valdoncel, serán corrixidas”. O PSOE abundaba que mentres que os traballos de zonas como a avenida da Coruña ou Paseo da Galera “xa están terminadas e dan unha luminosidade satisfactoria” da cal resulta aprezable a “mellora”, en zonas como o Valdoncel, obxecto de queixas veciñais, “os traballos aínda non terminaron e, a pesar diso, unha vez concluídos como se fixo noutras rúas realizarase unha inspección por parte do Concello”. No caso de detectar “tramos ou zonas onde a luminosidade non sexa satisfactoria realizaranse as correccións oportunas ata conseguir un acabado óptimo”.

Malia esta resposta, é obvio que a situación non mudou. Un ano despois, o PP toma a iniciativa dos nacionalistas e a presenta novamente.

Advertisements