Cinema ciclista para abrir a axenda de lecer da fin de semana

teatroDous pases para a estrea do filme “El tour de los populares”, sobre a proba ciclista cántabra “los 10 000 del Soplao” abren desde as sete do serán a axenda de lecer da fin de semana. A estrea galega desta cinta será, precisamente, hoxe na Aula de Cultura do Liceo e no segundo pase, programado para as 21 h, estarán os organizadores da proba ciclista.

Entremedias, ás oito do serán a Libraría Biblos inaugura a exposición “Historia da imprenta en Galicia”, coa presentación de Carlos Delgado, impresor e editor (coa editorial Cerne publicou obras tan importantes como “Os escuros soños de Clío” de Carlos Casares ou “Tempo de Compostela” de García-Bodaño). A mostra, por medio dunha serie de paneis, ofrece un percorrido completo pola historia da edición en Galicia e no mundo. Esta exposición está creada polo propio Carlos Delgado e cédea a Asociación Cultural Rocha Forte de Santiago.

E ás dez e media da noite, o Café Lanzós, no outro estremo da praza da Verdura, ofrece o concerto de MGV Quartet.

Para mañá sábado ás oito do serán está programada a obra “La puta enamorada”, un  drama histórico para maiores de 16 anos que poñerá en escea a compañía zamorana Intercazia de Benavente dentro do VIII Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos coorganizado pola Agrupación Teatral Mariñán.

Ademais, desde esta semana e ata fin de mes os balcóns dos “principais” edificios municipais están engalanados coa mostra “Versos rosalianos na rúa” dentro da programación do Día de Rosalía de Castro. As celebracións inclúen, ademais,unha exposición bibliográfica dedicada á escritora galega, no horario habitual da biblioteca municipal Castelao.

E o CIEC ten, ata fin de mes, aberta a exposición de obra gráfica de 13 artistas dentro do VI Intercambio Alfara Oviedo-CIEC Betanzos-Bellas Artes Altea na Sala de Exposicións Temporais da Sede da Fundación CIEC, visitable de martes a sábado en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h.

Advertisements