O BNG reclamará nos plenos da comarca sancións ás eléctricas polos danos do temporal

Subestación de Fenosa no Pedrido

Subestación de Fenosa no Pedrido

O BNG demandará nos plenos de Betanzos e o resto de concellos da comarca que se sancione ás eléctricas polo mal estado das conducións e os danos ocasionados polos temporais de comezos deste mes. “A deficiente resposta non axudou a minimizar os efectos dos cortes do servizo” indica a responsábel do BNG nas Mariñas, Cristina López. Desde o BNG cuestionan que o corte de subministro durase máis de 48 e 72 horas.

Esta situación “ten a ver coas deficiencias da infraestrutura da rede eléctrica, co abandono dos labores básicos e continuados de mantemento das liñas eléctricas e co insuficiente e tardío operativo das eléctricas”, denuncian. Por este motivo, demandarán en todos os plenos da comarca que os concellos reclamen á Xunta que exixa responsabilidades e sancione ás operadoras eléctricas.

Ademais, engaden que os danos do temporal en propiedades privadas, no sector primario, na actividade industrial e de servizos e en infraestruturas e equipamentos públicos requiren dunha avaliación urxente e un estudo dos danos producidos polos temporais nas infraestuturas e servizos de titularidade pública e privada. Neste sentido, propoñerán nos plenos que se reclame da Xunta que aprobe axudas para os concellos, fogares e empresas que sufriron perdas como consecuencia dos temporais.

Desde o BNG demandan que se evite que danos e lentitude na resposta se volva repetir. Para isto, indican, cómpre inspeccionar e revisar as obrigas que deben cumprir as empresas eléctricas respecto da conservación axeitada da infraestrutura eléctrica, esixindo as responsabilidades oportunas así como impondo un plan de mellora constante da rede eléctrica ás distribuidoras.

“Non é aceptábel que Galiza, sendo produtora e excedentaria de enerxía eléctrica, con numerosos encoros, minicentrais, centrais térmicas ou parques eólicos instalados ao longo do seu territorio que xeran enerxía sen parar, tendo que asumir os custes ambientais de dita actividade, estea obrigada ademais a soportar unha pésima calidade no subministro eléctrico” indica Cristina López.

O BNG demandará, ademais, que os concellos asesoren á veciñanza afectada a través dos servizos municipais, a fin de axudar na presentación de reclamacións ou solicitudes de axudas, así como efectuar o seguimento na súa tramitación, para compensar os danos e perdas sufridos con ocasión do temporal. “O Concello ten que estar do lado da veciñanza, solucionar os seus problemas e non poñerse de lado, desentendéndose e axudando, por omisión, ás eléctricas” explica o portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río.

As nacionalistas recordan que nalgúns casos os cortes no subministro eléctrico que se produciron na comarca duraron desde a noite do venres 3 até o sábado 4 a mediodía. “Isto, obviamente, xenera un prexuízo importante nas explotacións lácteas, sobre todo en Irixoa e Aranga”, explica Del Río.

Advertisements