O goberno inclúe a terceira fase do amaño do lavadoiro nun “plan García Naveira”

O lavadoiro reparouse co POS

O lavadoiro das Cascas

A rehabilitación do lavadoiro das Cascas dá para moito. Primeiro ía ser un plan de emprego para case un centenar de veciños en paro, para o que o goberno local do PSOE, ao pouco de recuperar o poder, anunciou un proxecto no que gastou 60 000 euros. Como queira que quedou en nada, ás portas das últimas eleccións municipais transformouse nun plan de mellora nas Cascas que, ademais do pintado exterior e cambio de cuberta do lavadoiro, incluía plantar flores na rotonda, repintar a baranda da ponte, parchear beirarrúas e estradas, desbrozar as ruínas do mosteiro de Donas e pavimentar o estacionamento creado en parte do antigo cenobio, o edificio máis antigo da cidade aínda en pé. E agora, no ecuador do mandato, transfórmase noutro plan, neste caso sobre os García Naveira.

O novidoso rótulo estréase para empaquetar nun lote a limpeza das estatuas de mármore do vello Pasatempo e a reparación da fonte das Catro Estacións e mais a última fase da reparación por fascículos do lavadoiro das Cascas, esquecida xa a promesa de xuño de 2012 de reducir o paro en cen persoas a costa da súa rehabilitación. No camiño caeu tamén unha “colaboración privada” para amañar o edificio que o goberno local socialista nunca concretou, malia reclamárselle mesmo no pleno.

Así, o “programa de recuperación do legado histórico dos irmáns García Naveira”, o rimbombante nome escollido polo executivo local, aparece agora para dar conta de que a xunta de goberno local acaba de acordar adxudicarlle a Excavaciones Roberto a terceira fase das obras de rehabilitación do lavadeiro das Cascas por por 22 755,66 euros. Como o PSOE non escarmentou logo do acontecido coas obras de rehabilitación do palco da música, o único criterio valorado no concurso foi o económico, dándollo á oferta máis barata. O executivo local gábase nun comunicado de ter reducido o custo dos traballos de rehabilitación nun 33%. Agora, se aparecen danos máis graves dos estimados polos técnicos municipais como pasou co palco, non haberá fondos para afrontalos.

Os traballos contratados supoñen  recuperar o interior freando o “deterioro” e reparar os danos que, de non actuar con urxencia, poderían supoñer un risco estructural. Os técnicos que redactaron o proxecto apelan concretamente a “importantes deformacións na estrutura de madeira”, fendas nos muros ou filtracións de auga, que chegaron a apodrecer algúns taboleiros; barandas rotas ou deformadas ou danos provocados polos vándalos, como a eliminación de elementos metálicos ou da madeira orixinal. Así, os traballos incluirán a reparación da estrutura do primeiro piso, o arranxo dos muros e da estrutura de escaleira afectada pola corrosión, a reparación das barandas e a reposición dos elementos desaparecidos e a substitución do pavimento de madeira da escaleira interior.

Segundo o comunicado do goberno local, con isto quedarán cubertas as actuacións “prioritarias” para a “seguridade das persoas e do propio edificio”. O Concello prevé concluír con estas obras a rehabilitación deste edificio tras o cambio da cuberta realizado en 2014 e a limpeza, reparación e pintado das fachadas acometida en 2015, tras desbotar o plan de emprego anunciado en 2012. Confían en conseguir  “a conservación de todos os elementos orixinais e devolver ao seu estado inicial os elementos transformados” deste orixinal edificio. As obras, unha vez máis, están financiadas pola Deputación a través dun plan de obras.

Un plan dos “García Naveira” con obras que non son deles

O flamante “programa de recuperación do legado histórico dos irmáns García Naveira” no que o goberno municipal inclúe agora a rehabilitación do lavadoiro depara moitas sorpresas. A primeira, que fai pasar por un conxunto programado de intervencións patrimoniais o que non pasan de ser tarefas ordinarias de mantemento que calquera concello realiza sobre os seus edificios ou mobiliario público. É o caso das limpezas das estatuas da Caridade ou dos García Naveira, ou a reparación da fonte ornamental das Catro Estacións.

Pero a segunda sorpresa é a inclusión, dentro do legado dos García Naveira, de obras que nada teñen que ver con eles. É o caso do palco da música, proxectado no 1927 por González Villar e sufragado polas arcas municipais, ou a Fonte de Diana, a primeira traída pública da cidade financiada polo Concello, da que, iso si, os García Naveira tomaron un ramal para subministro particular á súa casa versallesca dos Soportais entroncando co acueducto provinte de San Xiao que a surte. Sorprende a ignorancia do executivo local á hora de comunicar actuacións sobre o patrimonio.

 

Advertisements