Oitava victoria do Santo Domingo na tempada, vencendo con autoridade a Seis do Nadal

santodomingobetanzosOitava vitoria da tempada para o Santo Domingo de Betanzos no grupo AB da Liga EBA, tras impoñerse ao colista Seis do Nadal de Vigo por un contundente 115-74, nun encontro dominado desde o primeiro cuarto polo conxunto local correspondente á 16ª xornada do campionato. Para o encontro Diego Fernández contaba coa baixa de Aarón Regueiro, por lesión.

Tras sucumbir a semana pasada na prórroga ante o líder, o Santo Domingo recibía a visita do último clasificado do grupo, o Seis do Nadal Coia, ao que xa se derrotou no choque da primeira volta (63-81). Saía moi acertado o conxunto betanceiro á pista do Carregal, cun rápido parcial liderado por Rozas e Martín, que obrigaba ao técnico visitante a parar o partido (12-2 min 3). O parcial subía ata doce de diferenza, aínda que os olívicos, liderados por Díaz del Río, conseguían un 0-7 que parecía nivelar forzas (16-11 min 6). Con todo, os locais refacíanse en ataque e axustaban mellor a defensa sobre os xogadores perimetrais visitantes, escapándose no electrónico grazas especialmente ao acerto desde a liña do 6,75, cun espectacular 6 de 8 en triplos, sumando ata catro xogadores diferentes. Pablo Fernández, cun triplo sobre a bocina, pechaba o primeiro acto, cunha renda de trece puntos para o conxunto brigantino (32-19 min 10).

Mantíñase o acerto desde o triplo no segundo cuarto, e con dous lanzamentos case consecutivos o Santo Domingo levaba a diferenza ata a vintena. Os visitantes cargaban o xogo na pintura con De A Fonte, mentres que os nosos enlazaban accións de xogo rápido con lanzamentos exteriores, unindo a isto a achega de xogadores que saían desde o banquiño, con puntos de Escobar e Vidal. Will Pereiro pechaba desde o tiro libre o marcador ao término deste periodo, cun resultado que parecía deixar o encontro encarrilado para o Santo Domingo (55-33 min 20).

Tralo paso por vestuarios, os de Diego Fernández daban o arreón definitivo, e liderados por Rozas desde o triplo, e cun 2 1 de Pablo, alcanzaban rápidamente diferenzas por encima dos trinta puntos. Un mate de Dvojakovski facía que os nosos dobrasen ao Seis do Nadal no electrónico, chegándose ao ecuador do cuarto co encontro sentenciado (72-35 min 25). As diferenzas seguían aumentando nos seguintes minutos, cun Santo Domingo que repartía os puntos entre a maioría de xogadores en pista, sumando ata sete xogadores diferentes neste periodo (88-47 min 30).

No cuarto final, ambos conxuntos mostraban moita soltura en ataque, cuns minutos onde se vían boas accións nos dous aros. Os betanceiros seguían aportando tanto desde posicións interiores con Thiam, e desde o perímetro, ademais de sumar con xogadas rápidas grazas ao control do rebote, chegándose aos cen puntos cun triplo de Dani Martín (100-58 min 35). Os últimos minutos deixaban varias accións positivas, destacando as dúas canastras do júnior Roque Gómez. Ao final, o Santo Domingo chegaba aos 115 puntos, record de anotación para o cadro betanceiro, que suma un triunfo moi importante e que lle sitúa na zona templada da clasificación (115-74 min 40).

A próxima xornada o Santo Domingo enfrontarase a domicilio ao Instituto Rosalía (6-10). O encontro disputarase en Santiago de Compostela o domingo 19, ás 18:15 horas.

Advertisements