A caída dun mural do Pasatempo pon en evidencia a inacción do goberno local

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog "Parque del Pasatiempo"

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

O Plan “García Naveira” acuñado hai uns días polo goberno local socialista non incluía medidas concretas para a máis emblemática e singular das súas obras. É o que a realidade amosou onte co desprendemento parcial do peche perimetral do estanque da gruta, ao pé da gruta da Recoleta. Desde onte, as augas que reflexan a Boca de Hades teñen un hipopótamo menos asomándose tras a caída do muro que serve de basamento tamén aos piares da pasarela de ferro que conecta a parte histórica co novo recinto do parque.

Nada preocupante para o goberno local, que por boca do concelleiro de Obras e Patrimonio, Antonio Vázquez Lorenzo, asegura que hai fotografías e documentación abondosa para refacer o muro que onte se veu abaixo novamente. “Non é nada que non se poida recuperar” asegura o edil anunciando o valado da zona para evitar caídas nunha argumentación calcada á empregada polo executivo local para referirse á Casa Gótica. Asegura que o motivo da caída do muro é o temporal das semanas pasadas xunto con filtracións no muro de cachotería e anticipa que xa están a traballar nun proxecto para levantar un novo muro cunha copia do centenario mural perdido xa para sempre.

A preocupación inza as redes sociais desde última tarde de onte e o suceso cólase en todas as conversas desde primeira hora da mañá. En moitas das conversas mesmo se reacciona ás manifestacións do portavoz do goberno local, cuestionando a oportunidade das declaracións, os argumentos técnicos que esgrime e incluso que atribúa ao seu goberno a rehabilitación hai vinte anos do Pasatempo. Mesmo recordan que prometeron reconstruír tamén a Casa Gótica e o solar segue baleiro e inzado de suciedade.

Tamén chegou esta preocupación á esfera política. O BNG lembraba no seu facebook que o Pasatempo “é un tema que foi múltiples veces a Pleno nos ultimos anos, todos os grupos de acordo na importancia da súa conservación pero onte caeu unha parte” relacionando a perda deste mural con outros episodios de destrución do patrimonio. “A casa gótica, o barrio xudeu, … até cando imos permitir que siga desaparecendo o noso patrimonio? Esperamos que isto faga reaccionar ao goberno e repensar as prioridades” indican. Desde BeC- o edil eleito na lista de CxG- afirman que “úrxe* a recuperación do Pasatempo, unha das xoias das obras galegas de indianos está en perigo, compre que se corresponsabilicen Concello, Deputación e Xunta para que Galicia non perda a parte que nos queda do parque do Pasatempo”. Esta urxencia, porén, non figuraba no orzamento municipal de 2016 do que este edil é coautor xunto cos de PSOE e BN. O resto dos partidos non dixeron nada nos seus perfís de comunicación nas redes sociais.

Os técnicos rebaten que a chuvia e o temporal sexan a causa e apuntan ao abandono do recinto

Varios enxeñeiros consultados por Xornal de Betanzos desbotan, sen embargo, esta argumentación do executivo do PSOE. Indican que probablemente a causa do derrubamento do muro estea vinculada ás vibracións que meten na estrututura, alterada da súa conformación orixinal, tanto a estrada de circunvalación que discorre pegada ao parque como o feito de que repisase a pasarela de ferro, que apoia uns pés cerca do lugar do derrubamento. Pero sobre todo, indican, o traballo da humidade está máis vinculado á falta de mantemento do estanque, e do conxunto do parque.

Así, vinculan a caída do muro co mosaico aos constantes cambios de nivel da auga do estanque da gruta limitando o alcance das filtracións de auga de chuvia nun pavimento de granito que alega o PSOE. “Leva habendo temporais os cen anos que ten o Pasatempo”, asegura un destes expertos. Entenden que a auga está por riba do seu nivel practicamente todo o ano- identificable pola presenza dun pasadizo para acceder á Boca de Hades, adoito cuberta de auga e impracticable. Ao estar a auga por riba do vaso orixinal do estanque, tratado hai cen anos e revisada a impermeabilización na rehabilitación do parque nos anos 90, o mosaico estaría a deixar pasar auga ao muro porque, obviamente, non está preparado para illar o peche. Unha sinxela bomba de achique permitiría manter constante o nivel e evitar estes danos, indican, recordando que durante algúns anos houbo este mecanismo instalado de forma provisional, mais engaden que debera ser unha solución definitiva para evitar que estes cambios de nivel afecten á estabilidade de todo o conxunto.

 

Advertisements