A Deputación creará a sede electrónica e o portal de transparencia de Oza-Cesuras

O Concello de Oza dos Ríos

O Concello de Oza dos Ríos

A Deputación da Coruña asumirá a creación da sede electrónica de Oza-Cesuras, que permitirá aos cidadáns e aos traballadores públicos realizar unha gran cantidade de trámites de maneira sinxela e automatizada, promovendo así o aforro de tempo e custos e un modelo de xestión transparente e eficaz. A través de calquera ordenador con acceso a internet e cun certificado electrónico, como pode ser o DNI, os habitantes de Oza-Cesuras e quen teña que traballar co Concello poderán presentar instancias, solicitar licenzas, consultar expedientes ou descargar documentos oficiais como impresos de empadroamento, entre outros moitos trámites.

Igualmente, a Deputación creará o portal de transparencia do concello, nos que se farán públicas informacións coma a estrutura do concello, os salarios dos responsables políticos, os orzamentos e as contas anuais e documentos relativos ás contratacións, plans, proxectos e subvencións. A falta de transparencia do Concello de Oza-Cesuras ten chegado mesmo a sede xudicial, proque o alcalde resístese a entregar documentación aos grupos da oposición.

A Deputación da Coruña tamén facilita a adhesión dos concellos ao Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR), unha plataforma que permite o intercambio de asentos electrónicos de rexistro entre as administracións públicas de forma segura e con conformidade legal. Na práctica, este servizo implica que calquera cidadán poida enviar documentos de maneira inmediata a calquera entidade do estado, desde a Deputación ou os oito concellos que xa están adheridos ao SIR. Deste modo, elimínase o tránsito de papel entre administracións, aumentando a eficiencia e eliminando os custos de catro euros por cada asento tipo.

Advertisements