A Xunta desaconsella o baño en Gandarío e As Delicias este verán por contaminación da auga

Vista aérea da praia de Gandarío

Vista aérea da praia de Gandarío

Poucas praias da ría de Betanzos quedan abertas xa ao baño sen matices. A Xunta presentou o informe final da tempada de baño de 2016 en Galicia. O resultado deste documento é que dúas praias máis da ría pasarán a ser areais desaconsellados para o baño o vindeiro verán a causa da insuficiente calidade da auga, ou o que é o mesmo, dito doutro xeito, debido á contaminación rexistrada ao longo do pasado verán nesas praias. Trátase da sadense praia das Delicias e do areal bergondés de Gandarío. Da lista cae a praia do Regueiro, tamén en Bergondo, que logo de cinco anos consecutivos como praia co baño prohibido debido á alta concentración de baterias fecais rexistrada desaparece xa directamente das estatísticas da Xunta. Xa se desaconsellaba o baño na praia do Pedrido, no mesmo municipio, a causa tamén das fecais e da cepa de hepatite radicada nos piares do viaduto da AP-9 sobre o estuario do Mandeo, e, a pesar de que non se fan analíticas, o suspenso da calidade da auga entendíase extendido á outra beira da ría, desaconsellando o baño na padernesa praia da Xurela.

A praia de Gandarío protagonizou, de seguro ao seu pesar, unha polémica ao longo do pasado verán ao aparecer e desaparecer os sinais de prohibición do baño a causa dos episodios de contaminación con augas fecais. Sanidade constatou varios días con análises que arroxaban resultados de bacterias superiores ao máximo permitido, chegando ao número de 2.000 cando o máximo son 1.500 unidades. En Miño, logo de darse unha situación parecida, o goberno local encargou pola súa conta analíticas para avalar a calidade da auga de baño e non estragar o turismo, principal actividade económica do municipio.

A normativa sinala que cunha cualificación de auga insuficiente “instalarase un sinal sinxelo e claro na praia con información das causas da contaminación e as medidas adoptadas”. Nesta normativa tamén se recorda que tras cinco anos seguidos con calidade insuficiente poderase dictar unha prohibición ou recomendación de abstención de baño.

Advertisements