O Bloque reclama ao goberno local que sancione os verquidos ilegais ao río e aos sumidoiros

Imaxe dun verquido á ría desde a depuradora municipal o pasado decembro

Imaxe dun verquido á ría desde a depuradora municipal o pasado decembro

O BNG demandou no Pleno que o goberno local persiga os verquidos de augas industriais á ría e mais á rede municipal de saneamento. O voceiro do BNG, Henrique del Río, trasladou ao Pleno as queixas recibidas sobre diferentes verquidos á ría. “O pasado día 20 de decembro produciuse un desde a depuradora municipal” explicou o edil nacionalista trasladando testemuños da veciñanza da Ribeira, segundo os cales durante os últimos días do mes de decembro puideron verse manchas na ría, con vertidos de augas fecais.

Desde o BNG lembran que o goberno local prometeu actuacións e máis de dous meses despois, estas seguen sen verificarse. O portavoz nacionalista criticou que os verquidos se produzan de maneira constante, sen que conste ningunha xestión por parte do goberno local. “Todo o que dixeron era que mirarían de facer algo se as administracións competentes, así en abstracto, facían informes e os remitían ao Concello”, relata Del Río. “Pero é que a rede municipal de saneamento e a depuradora municipal son competencia directa do Concello e non precisan de máis informes, e tampouco actúan”, indica.

“Temos a sensación de que existe barra libre para os verquidos contaminantes na ría en función de onde se orixinen”, ironizan desde o BNG, que recordan que exceptuando o verquido desde a depuradora do 20 de decembro os outros verquidos detectados na ría e na rede de sumidoiros municipal proviñan do polígono de Piadela.

No BNG entenden que “o PSOE decidiu mirar para outro lado mentres se verte a cano á ría” cando debería “sancionar para que estes atentados contra a saúde e o medio ambiente non se repitan máis”.

Advertisements