O goberno de Bergondo pídelle explicacións á Xunta por pechar Gandarío ao baño

Vista aérea da praia de Gandarío

Vista aérea da praia de Gandarío

Ao goberno municipal de Bergondo colleuno de sorpresa que a Xunta desaconselle o baño no areal de Gandarío logo de que ao longo do pasado verán a praia estivese intermitentemente precintada a causa da elevada contaminación da auga por verquidos de augas fecais. PSOE e En Marea, socios do bipartito, demandan á Xunta que repita as analíticas e arremeten contra o goberno galego por cualificar como de calidade “insuficiente” a auga do areal.

O executivo bergondés sorpréndese da nova calificación da auga, que, aseguran, supón “un paso repentino da máxima á mínima” ao pasar de “excelente” a “insuficiente”. Ven “estraño” este cambio e insisten en que “en 2013, 2014, 2015 e 2016 a calidade de Gandarío na parte esquerda foi ‘excelente’ e a da dereita, ‘boa’, tomando como en cada un o resultado dos catro anos anteriores para achar a cualificación”. “Seguindo esa lóxica, resulta chocante o resultado e por iso pedirase a xustificación” explican nun comunicado obviando todos os problemas que se deron o pasado verán e que obrigaron a pechar o areal ao baño durante semanas.

O Concello garante que realizou unha inspección cunha cámara robot na zona que detectou “conexións particulares ilegais de fecais á rede de pluviais” e ordenou a súa corrección. Engade que desde o pasado xuño funciona en fase de probas a Estación Depuradora de Augas Residuales (EDAR) construída pola Xunta e ve “impensable” que “a situación non mellore”. Insisten en refacer análises ata que dean os resultados que permitan usar o areal o vindeiro verán.

Advertisements