O PSOE cita a Xunta e Deputación en marzo para gañar tempo sobre o Pasatempo

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog "Parque del Pasatiempo"

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

Tiña que caer un anaco do Pasatempo para que o goberno local entendese que no parque había que actuar. É o que se desprende do triunfal “chegou o momento no que as palabras teñen que concretarse en feitos” que o departamento de prensa do Concello atribuía este domingo ao alcalde. Semella que ata agora non era momento de mover nin un dedo malia queixas de suciedade, deterioro, rotura de cristais ou mocións e preguntas no pleno sobre o estado de conservación do primeiro pulmón verde do municipio segundo a súa extensión.

E para evadir calquera tipo de responsabilidade, o goberno local cita á Xunta e a Deputación para falar do Pasatempo o vindeiro 2 de marzo, nas persoas do conselleiro de Educación e o Presidente, respectivamente, malia que a titularidade do recinto é municipal e que polo grao de proteción que o PSOE decidiu darlle nas súas normas urbanísticas as outras dúas administracións tampouco teñen competencias. Porque, todo hai que dicilo, o PSOE leva retendo desde 2011 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Pasatempo por motivos que nunca fixo públicos e coas máis diversas excusas. Novamente esta semana anuncia que “en breve” irá ao rexistro da Xunta, unha “brevidade” que se leva dando desde 2011.

Sostén o alcalde que o Concello é incapaz de conservar o Pasatempo, para o que leva racaneando investimentos e coidados desde que agarrou o bastón de mando, cos seus recursos. E sostén que “é momento de concretar as achegas” porque “pola súa importancia, polo seu valor patrimonial e histórico, require a axuda e colaboración de todos” declara solemne nun comunicado de prensa. Resta por ver se o convite á xuntanza foi cursado ou se entrou polo mesmo rexistro que a solicitude de declaración BIC en 2011, que o PP se atribuíu nunha nota esta fin de semana.

Advertisements