Biblos enche o salón de actos para proxectar “Frankenstein 04155”

Dúas vítimas do accidente de Angrois onte en Biblos. Fotografía da Libraría Biblos

Dúas vítimas do accidente de Angrois onte en Biblos. Fotografía da Libraría Biblos

Premios en Cineuropa, no Festival Primavera do Cine e na Seminci “Frankenstein 04155” que onte, ás sete do serán, proxectaba no seu salón de actos a Libraría Biblos. Co aforo completo e xente de pé, varios integrantes da plataforma de vítimas presentaron o filme coa compaña de Ana Miranda, a voceira do BNG, organizador do acto, no Parlamento Europeo.

A cinta dirixida por Aitor Rei achega, segundo explica a libraría, “información de todas as irresponsabilidades que conduciron ao desastre, algunhas aínda non subsanadas”. O nome xa é toda unha metáfora das irregularidades cometidas en torno ao sinistro, pois é o alcume que no sector dan ao Alvia 730 sinistrado por estar feito de retallos de varios convois para circular pola vía que une Galicia coa meseta.

Ao remate do filme abriuse un coloquio que partiu dun diálogo a tres entre a propia Miranda e dous supervivintes do sinistro, un deles veciño da parroquia coirosana de Ois. Para a asociación de víctimas, nunha loita titánica contra todo o aparato estatal, os obxectivos son acadar que se faga una investigación autenticamente independente e que a xustiza chegue ao fondo do asunto por enriba de todos os intereses políticos e económicos que hai detrás do caso.

Hoxe o Parlamento de Galicia debate novamente a creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro, que PSOE e PP veñen vetando tanto na Cámara do Hórreo coma no Congreso dos Deputados desde hai anos. A Comisión Europea cuestionou o informe de parte elaborado polo estado español incumprindo a normativa comunitaria, como explicou a voceira nacionalista onte.

Advertisements