O goberno baralla vender 110 000 metros no polígono coa excusa de rehabilitar o Pasatempo

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

En 2011 o pleno acordou solicitar a declaración como Ben de Interese Cultural para o Pasatempo. A demanda volveu aínda varias veces ao pleno, en forma de máis mocións e preguntas da oposición, porque o goberno local do PSOE bloqueaba o cumprimento dun acordo unánime de dúas Corporacións distintas. De feito, continúa bloqueándoo e esta semana anunciou, por enésima vez, que “en breve” sairá a documentación rumbo a San Caetano para que a Xunta valore. Un anuncio que se repetiu durante anos.

A caída dun muro do estanque da gruta, paralelo á estrada de circunvalación, fixo saír do letargo ao executivo local e meteulle présa. E ás presas trata de gañar tempo e recuperar unha iniciativa que hai tempo perdeu sobre o Pasatempo, onde acumula críticas pola desatención e falta de mantemento do centenario parque- abonda repasar a hemeroteca de Xornal de Betanzos elixindo o tag “Pasatempo”. E se a fin de semana anunciaba unha xuntanza a tres con Xunta e Deputación para que se impliquen no mantemento dun recinto que é de propiedade municipal, hoxe é o financiamento da operación.

Primeiro debate sobre a solicitude de BIC para o Pasatempo no pleno de agosto de 2011
Segundo debate plenario sobre o tema, novembro de 2011

O gabinete de prensa do Concello anuncia que o equipo de Ramón García baralla tres opcións para buscar cartos para o Pasatempo. Mais advirte que non mobilizará un só euro ata que Xunta e Deputación cifren o seu compromiso en cartos. Vender unha parcela municipal do polígono de Piadela, pedir un crédito ou solicitar o cambio de destino do convenio do paseo do Mandeo para o Pasatempo son as opcións que hoxe publicita o PSOE.

A primeira privaría ao Concello de poder dotar de servizos o parque empresarial, que carece de todo o que non sexan acometidas de servizos. Sería vender un predio de 110 000 metros cadrados que ten cuantificada en 900 000 euros. Sosteñen que a venda da parcela “non só conseguiríase unha importante fonte de ingresos vinculada á rehabilitación do Pasatempo, senón que tamén se favorecería a instalación de empresas no polígono e, por extensión, a creación de novos postos de traballo”. Sobre esta parcela o BNG propuxo en anos pasados levantar un viveiro de empresas e naves para os servizos municipais con cargo ao POS.

A segunda sería pedir un crédito. Para iso batería con varias normas que condicionan o endebedamento ao cumprimento de varios indicadores de estabilidade e ao plan de equilibrio que o goberno municipal do PSOE incumpriu en catro dos cinco anos e medio que leva no poder. E, sobre todo, requiriría ter un orzamento aprobado, posto que as contas prorrogadas non admiten novos investimentos. Os orzamentos actualmente vixentes son os que aprobaron en 2016 PSOE e En Marea- por medio dos seus dous grupos na Corporación, BN e BeC- e non contempla ningún investimento no centenario parque. Este ano, que se saiba, non hai proposta de orzamentos entregada a todos os grupos da Corporación e o goberno local non comunicou se remitira algún documento aos seus socios preferentes.

A terceira opción pasaría por modificar o convenio coa Deputación para o polémico paseo cara os Caneiros e destinar os máis de 530 000 euros desta obra á rehabilitación do Pasatimpo, que xa propuxo o BNG en xuño do pasado ano, medida cuestionada por PSOE e En Marea naquela altura. Os nacionalistas propuxeron sumar a este convenio os 790 000 euros que a Betanzos corresponden do POS para sumar así máis do 1,3 millón de euros que segundo o goberno local sería necesario para amañar todo o parque histórico segundo un proxecto publicitado o pasado mes de setembro e que anunciou que remitira á Deputación.

Despois de facer públicas nos medios de comunicación estas opcións, o PSOE anunciou que as trasladará aos grupos da Corporación nunha xuntanza que, polo que di, aínda non convocou. Sostén que “consensuará” a decisión pero apela a unha urxencia que hai un mes o equipo de goberno non percibía. No comunicado Ramón García insiste en que “non podemos esperar máis” para actuar nun parque no que o goberno que preside é incapaz ata de repoñer papeleiras ou vidros rotos.

Nin palabra sobre o pleno extraordinario que pediu o BNG

No seu comunicado de prensa o goberno local non explica se o alcalde convocará ou non o pleno extraordinario que o BNG solicitou para debatir o proxecto de rehabilitación do parque que xa existe desde setembro no Concello. Dado que o executivo local leva a pleno esta noite as obras a incluír no POS- sobre as que non informou á veciñanza- é de supoñer que o PSOE non pretende debatir en sede plenaria o proxecto e financiamento para o parque. E sen aprobar o pleno o proxecto, unha actuación dese importe non poderá ser aprobada, como aconteceu co paseo no seu momento.

 

Advertisements