O Santo Domingo cae ante o Rosalía por 75-67, mais mantén average

santodomingobetanzosDerrota do Santo Domingo ante o Instituto Rosalía por 75-67, tras unha mala primeira parte, na xornada 17ª do grupo AB da Liga EBA, para a que Diego Fernández contaba coa baixa de Aarón Regueiro. Os visitantes puideron mesmo darlle volta ao marcador nalgún instante, mais cando menos a derrota permite conservar o basketaverage favorable para os betanceiros, que pode botar unha man cara final do campionato.

Arrincaba o encontro con boas sensacións para o Santo Domingo, que sumaba nas súas primeiras accións, pero rápidamente o conxunto local impoñía o seu xogo, anotando con fluidez en ataque e pechando ben os espazos aos interiores betanceiros. Pero os visitantes erraban numerosos tiros liberados desde a liña de tres, mentres o Rosalía aproveitaba a menor intensidade visitante na defensa para atopar vantaxes tanto dentro como fóra da pintura, mención especial aos tres triplos que anotaban. Proba diso era tamén o control do rebote que tiñan os locais, algo no que o Santo adoita levar a iniciativa (23-13 min 10).

Apenas cambiaba o cadro no segundo cuarto. Os brigantinos, tras un mal inicio, axustaban mellor o seu defensa, pero eran incapaces de sumar en ataque, non podendo rebaixar diferenzas (31-23 min 15). O equipo de Castro, cun bo final de cuarto, subía a súa renda dos dez aos dezaseis puntos, grazas a un triplo de Suárez e catro puntos seguidos de Posse (42-26 min 20).

Tralo paso por vestuarios, non melloraban as cousas para o conxunto de Diego Fernández, que vía como os locais endosaban un parcial 7-0 en 3 minutos, que obrigaba ao técnico visitante a parar o partido (49-26 min 23). Chegaría a partir de aquí a reacción do conxunto betanceiro, que desde unha defensa máis sólida, ía aos poucos meténdose en partido, malia manter unha baixa porcentaxe en tiro de campo, e inclusive errar ata cinco tiros libres de forma consecutiva.

De todos os xeitos, conseguían vencer o cuarto, e chegar con certas esperanzas de poder competir pola vitoria, malia un parcial final de 4-0 para os de Castro, que reaccionaban tralo triplo de Rozas (59-44 min 30). Os visitantes, capitaneados por Will Pereiro, realizaban un gran cuarto periodo, ao atopar por fin a fluidez necesaria en ataque, e mantendo unha mellor versión defensiva da mostrada ata o minuto 20. A reacción do Santo chegaba, e con numerosas accións interiores e de contraataque, ían reducindo diferenzas, ata que con triplo de Dani Martín situábanse a só un punto, con dous minutos aínda por diante (68-67 min 38). Primeiro Lada, cunha gran canastra ao límite de posesión, posteriormente dúas perdas de balón non forzadas do Santo, e para rematar un triplo de Suárez, deixaban en imposible a remontada visitante. Aínda dispoñerían os betanceiros dun triplo para poñerse a tres a falta de 20 segundos, pero o tiro non entraba, e o conxunto local conseguía certificar o triunfo desde o tiro libre (75-67 min 40).

Como nota positiva, o Santo Domingo lograba salvar o basketaverage particular, tras vencer na primeira volta por 71-48. A vindeira xornada o Santo Domingo Betanzos enfrontarase no Carregal ao Fundación Baloncesto León, colíder do grupo con 13 triunfos. O partido será o domingo 26, ás 17:00 horas.

Advertisements