Rosalía dá a saída ao lecer dos días grandes do Entroido

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Intensa axenda de lecer para a fin de semana que enlaza xa cos días grandes do Entroido. Abrirá o tempo de ocio desta fin de semana o acto central dos actos do Día de Rosalía, unha gala conducida pola actriz Isabel Risco na que participarán escolares dos centros de ensino da nosa cidade recitando obras da matriarca das Letras Galegas. Desenvolverase na Aula de Cultura desde as sete do serán e pechará a homenaxe a cantante galega Najla Shami, que versionará varios poemas de Rosalía nun acto organizado pola Asociación Cultural Eira Vella e o Concello. Ata fin de mes seguirán a mostras bibliográfica e os versos da poeta nacional nos balcóns dos edificios municipais.

Desde as dez e media da noite o Café Lanzós programa un concerto de The Cruze, unha banda xa clásica na programación deste local cun repertorio a base de versións de grandes intérpretes.

Esta fin de semana clausúrase ademais o VIII Encontro de Teatro Afeccionado, con programa dobre. O sábado 25 ás 20:00h Ajidanha de Idanha a Nova (Portugal) representan “À deriva”e o domingo 26 ás 19:00h a organizadora Agrupación Teatral Mariñánclausura o Encontro coa reposición da obra estreada o ano pasado “O de menos é o nome”. Ambos pases terán lugar na Aula de Cultura do Liceo e a entrada é libre.

E a Fundación CIEC mantén aberta a exposición de obra gráfica de 13 artistas dentro do VI Intercambio Alfara Oviedo-CIEC Betanzos-Bellas Artes Altea ata fin de mes, na Sala de Exposicións Temporais da Sede da Fundación CIEC, de martes a sábado en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h.

A hostalaría completa o pobre Entroido do Concello

Máscara de entroido realizada no obradoiro de Sargadelos

Máscara de entroido realizada no obradoiro de Sargadelos

A programación de Entroido do Concello é un calco da dos últimos anos. Festas Infantís do Entroido nos distintos locais sociais municipais a partir das 17:00 h entre o venres 24 e o luns 27 de febreiro, Baile do Entroido para a terceira idade na Aula de Cultura a partir das 18:00 h do Luns de Entroido co sorteo de catro cestas con produtos típicos destas datas, outra festa infantil no Liceo o martes desde as 17:00 h cun desfile infantil de disfraces con sorteo de regalos entre os nenos e nenas que neste participen e verbena no Campo desde as 18 h, e o enterro da Sardiña e queima do Momo desde as 19 h do mércores, saíndo do Liceo e acabando na Ribeira. A mesma programación tediosa e sen imaxinación de sempre.

A hostalaría ten decidido suplir esta falta de ideas con varias iniciativas. O sábado ás dez e media da noite o Café Lanzós organiza unha festa de Entroido con música en directo a cargo de Gran Reserva e o sorteo de varios regalos. Un concurso de disfraces coorganizado entre varios locais das Calexas e o Rollo o sábado repartirá variso premios e servirá de antesala aos dous concursos de disfraces qeu ambas zonas de “movida” programan para o Luns de Entroido, con varios premios en categorías individuais e colectivos atendendo á orixinalidade e outros criterios.

Xornal de Betanzos non se publicará o Luns de Entroido

Aproveitando o festivo local do vindeiro martes, o equipo que facemos Xornal de Betanzos tomaremos un descanso facendo unha ponte festiva. Desexamos aos nosos lectores e colaboradores que pasen un bo Entroido, que leven con humor as bromas e que o tempo acompañe para saír disfrazados á rúa. A información voltará ás pantallas con total normalidade o vindeiro mércores.

 

Advertisements