Chaman a alegar masivamente ante a liña de alta tensión e subestación en Folgoso, Abegondo

Subestación de Fenosa no Pedrido

Subestación de Fenosa no Pedrido

O proxecto de Red Eléctrica de España (REE) para a construción dunha liña de alta tensión que cruzará boa parte da área metropolitana da Coruña mantén en alerta a veciñanza. Organizada arredor da plataforma “As Mariñas Sen Alta Tensión”, diversos colectivos e persoas de xeito individual recaban apoios para presentar o maior número posible de alegacións ás Directrices da Paisaxe de Galicia. A intención é pararlle os pés a Red Eléctrica conseguindo que esta normativa que a Xunta ten en exposición pública non permita a instalación de tendidos de alta tensión mesmo en espazos protexidos.

O trazado desta liña atravesa a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Estas directrices, en proceso de participación pública ata o 2 de marzo, están por riba de calquera outro planeamento e xunto co Catálogo das Paisaxes, como lembra a Xunta, son un dos documentos que integrarán o Atlas das Paisaxes, que se completará neste ano e que “se converterá nun novo e importante instrumento para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o territorio” en Galicia, segundo o goberno galego. A plataforma “As Mariñas Sen Alta Tensión” considera que as Directrices da Xunta, ao permitir ou non impoñer polo momento restricións aos tendidos eléctricos aéreos sobre espazos protexidos, estarían incumprindo normativa europea e chaman a alegar contra un proxecto que afectaría de cheo á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas – Terras do Mandeo.

A liña prevista pasará por Cerceda, Carral, Culleredo e Arteixo ata chegar á cidade da Coruña, saíndo de Abegondo, onde se prevé construír unha subestación de entre 4 e 8 hectáreas na parroquia de Folgoso, que podería ser ampliada no futuro. A plataforma censura uns trazados que afectarían o Monte Xalo, camiños históricos, castros ou petroglifos, ademais de unha importante área rural. Tería uns 32 quilómetros de lonxitude e con piares cada 500 metros. Como calquera destas características, o cableado require dunha distancia de afección de entre catro e seis metros de ancho a cada lado, mentres que as obras para postes e instalacións esixirán a actuación de maquinaria pesada e o tronzado de árbores. Un tendido eléctrico aéreo ata pouco antes de entrar na urbe coruñesa, onde pasaría a ser subterráneo.

Por todo isto, a plataforma insta á veciñanza a continuar presentando alegacións e facilita a ligazón á web da Xunta onde se poden levar a cabo, así como follas para presentalas e puntos de recollida das mesmas, en localidades como Abegondo, Cambre e Culleredo. Ao tempo, lamenta “a falta de interese respecto da ameaza” mostrado desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) AS Mariñas-Betanzos, “sobre o que non ten noticias se presentou ou vai presentar alegacións ás Directrices”.

O BNG da comarca das Mariñas fixo público tamén un chamado a presentar alegacións contra esta liña de alta tensión que afectaría ao concello de Abegondo antes de adentrarse na comarca da Coruña por Carral. Unha liña similar a esta parte da subestación do Pedrido e atravesa a ría de Betanzos, un espazo natural de enorme valor ecolóxico.

Advertisements