A Xunta apercibe de sanción aos Franco por pechar as torres de Meirás mentres o BNG leva o asunto ao Parlamento

Vista do Pazo de Meirás

Vista do Pazo de Meirás

A Xunta non tivo máis remedio que reaccionar diante das denuncias do concelleito de turismo sadense, o nacionalista Liss Becerra, e advertir por escrito á familia Franco da súa obrigación de abrir ao público as Torres de Meirás dado que é un Ben de Interese Cultural. A Consellería de Cultura advertiu, ademais, á familia do dictador de que se expoñen a unha sanción por incumplir a súa obrigación legal de permitir a entrada a este monumento. A Dirección Xeral de Patrimonio dá unhas semanas de prazo aos herdeiros do dictador Francisco Franco para que restablezan o servizo antes “de aplicar as medidas previstas no marco legal existente”, en alusión á Lei de Patrimonio, que establece multas de entre 300 e 6.000 euros por impedir a entrada a un BIC.

O portavoz municipal do BNG e concelleiro de turismo en Sada denunciou que o teléfono de visitas ao pazo de Meirás estaba inoperativo. Mesmo a Xunta  borrou da páxina web de Turgalicia o teléfono e correo de contacto para reservar visitas ao pazo e só proporciona as coordenadas deste monumento.

A nova polémica polas dificultades para visitar o pazo transcende un ano despois de que a Xunta abrise un expediente aos Franco a raíz das queixas de turistas e o Concello de Sada. Naquela ocasión, a Consellería de Cultura deu por boas as explicacións dos Franco, que alegaron que se excedía o número de visitantes permitidos e o goberno do PP deu por boa a versión da familia do dictador sen máis indagacións. O Goberno galego negouse ata agora a permitir que sexa o Concello de Sada o que xestione directamente as visitas a este monumento, que foi regalado ao dictador en 1938 tras ser adquirido mediante vendas forzadas, descontos forzosos en nóminas dos funcionarios municipais e provinciais e emisión de bonos supostamente de compra voluntaria. Recentemente o historiador Lito Pérez Lorenzo e Carlos Babío, cuxa familia foi despoxada de terras no entorno das torres para facerlle o agasallo ao dictador, presentaron un libro sobre este proceso na Coruña.

O BNG anunciou onte que presentará unha iniciativa para esixir medidas inmediatas ante a desconexión dos sistemas de petición de cita para visitar o pazo de Meirás . A formación, que criticou en varias ocasións a tolerancia do Goberno do PP ante os incumplimientos dos Franco, denunciaba onte un novo boicot dos herdeiros do dictador . O deputado Luís Bará sostivo que é “un escándalo” que a familia Franco “incumpla as obrigacións que lles esixe a lei”, e estea “boicoteando deliberadamente” os dereitos dos galegos. O concelleiro de Turismo de Sada, do BNG, anunciou que creará unha lista de reservas “paralela” que remitirá periodicamente a Patrimonio ante os “reiterados” incumplimientos dos herdeiros do dictador. Ao BNG débeselle precisamente, coa belixerancia do PP, que a que foi residencia de Emilia Pardo Bazán fose declarado ben de interese cultural en 2011.

Advertisements