O BNG leva a pleno o malestar pola paralización das obras no remate da Cruz Verde

Infografía de pérgola e luminarias. Imaxe do BNG

Infografía de pérgola de 9000 euros e luminarias. Imaxe do BNG

O goberno local decidiu construír unha praza no remate da rúa da Cruz Verde, dotada dunha pérgola metálica de máis de 9000 euros. O lugar escollido é o cruce das rúas doutor Fléming, Cruz Verde e Salvador Cabeza de León, nun solar permutado hai anos para evitar un estreito edificio. Esta actuación, xunto coa renovación de pavimento no calexón dos Xudeos, foi incluída polo executivo local no Plan de Obras da Deputación (POS) do pasado 2016 e comezou a executarse hai un mes, segundo o deseño que o goberno do PSOE contratou, a dedo como denunciou hai meses o BNG, a un estudo de arquitectos local.

Agora, un mes logo de iniciar os traballos, os operarios desapareceron da rúa, deixando vallado o calexón e parte do remate da rúa Doutor Fléming. Isto, segundo o BNG, ten levantado  malestar entre a veciñanza ao parar as obras “sen causa aparente”.  “Veciñas da Cruz Verde comentáronnos que a paralización das obras está a provocarlles un grande trastorno, non só porque a supresión do paso cara á Avenida de Castela as obriga a dar un rodeo” explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río. Ademais, para facer a praza no remate da rúa Cruz Verde suprimíronse varios estacionamentos, o que prexudica á veciñanza xa que nesta rúa son poucos os edificios con garaxe.

As nacionalistas pediron ao goberno local que aclare os polos motivos da paralización das obras. Asemade, o BNG aproveitou para denunciar a falta de información á veciñanza sobre as obras e a paralización dos traballos, “algo por desgraza moi habitual”, en opinión do voceiro nacionalista. Desde o BNG esixen a reanudación das obras e o seu remate nun prazo “razoábel”, para minizar así os trastornos na vida cotiá da veciñanza.

Advertisements