O Santo Domingo vence ao líder no Carregal

santodomingobetanzosCampanada na 18ª xornada do grupo AB da Liga EBA, cunha vitoria de prestixio e moi traballada do Santo Domingo ante o colíder do grupo, Fundación Baloncesto León. Para o encontro Diego Fernández contaba coa baixa de Aarón Regueiro.

Os visitantes facían valer desde o inicio o seu alto ritmo e o seu potencial interior cos americanos Hinnenkamp e Wilson, para tomar a dianteira no electrónico, ante un Santo Domingo ao que lle custaba atopar boas opcións ofensivas (7-13 min 5). Os leoneses conseguían tamén abrir o campo con dous triplos de López, alcanzando unha diferenzas que roldaban os dez puntos. A reacción local chegaba desde o perímetro, con dous triplos de Will Pereiro que acurtaban diferenzas na recta final do primeiro cuarto (15-20 min 10).

De novo arranque dubitativo para os locais no segundo cuarto. Baloncesto León alcanzaba vantaxes de ata doce puntos, destacando o acerto de Roales, con cinco tantos consecutivos, e tras uns malos momentos para os locais, que acumulaban numerosas perdas de balón. Tras tempo morto, o Santo Domingo reaccionaba, e realizaba uns bos minutos, mellorando desde a defensa, e liderados en ataque por Rozas, que aguantaba en pista malia as súas dúas faltas persoais. Tomaba a substitución anotadora Rodrigo, que con cinco puntos consecutivos deixaba aos brigantinos a só un punto no electrónico. Un triplo a táboa de Ruiz Polo sobre a bocina situaba a vantaxe visitante ao descanso en catro puntos (34-38 min 20).

Tralo paso por vestiarios, de novo o conxunto visitante saía máis centrado, e cun parcial 2-6 íase de novo a unha diferenza de oito puntos (36-44 min 23). Os de Diego Fernández entraban aos poucos en ritmo no terceiro cuarto, malia comezar a acumular numerosos problemas de faltas, coas tres de Rozas e as catro de Oliver (42-50 min 25). Os visitantes seguían fortes en ataque, liderados indiscutiblemente por Hinnenkamp, que con accións dun contra un seguía sumando para o seu equipo, mentres que a achega dos xogadores locais que entraban desde o banquiño resultaba determinante para recortar diferenzas (55-60 min 30).

No cuarto final, víanse uns moi bos minutos por parte de ambos conxuntos, con facilidade anotadora. Fer Vidal como referente ofensivo local nesta fase, poñía a primeira vantaxe local (67-65 min 34), pero Roales respondía desde o perímetro, dando aire aos leoneses (67-69 min 35). Moita igualdade a partir deste momento, con intercambio de golpes, e crecemento desde a defensa. Alternancia no dominio do marcador, Dani e Rozas poñían aos galegos por diante, pero Hinnenkamp primeiro e Fernández cun triplo máis tarde mantiñan a vantaxe foránea (72-74 min 38).

Parcial 4-0 para o Santo Domingo, igualando desde a liña de persoal López, a 35 segundos do final. Pablo Fernández sumaba tamén dous tiros libres trala rápida falta que recibía, poñendo o 78-76. Boa defensa dos betanceiros, rebote de Rozas, e dous tiros libres anotados polo pívot local, que deixaba o marcador en 80-76 a falta de 17 segundos. Os visitantes non conseguían anotar, e o Santo Domingo levábase finalmente o triunfo, tras un partido vibrante e de moita intensidade, sumando a novena vitoria da tempada (80-76 min 40).

Tras esta remontada de infarto, o Santo Domingo Betanzos enfrontarase a domicilio ao Innova Chef de Zamora na vindeira xornada, o sábado 4 de marzo, ás 20:30 horas.

Advertisements