O TSXG condena a Sada por outra decisión urbanística de Rodríguez Ares

Vista do Hotel Sada Marina, construído nunha rotonda no cruce de Sada a Fontán

Vista do Hotel Sada Marina, construído nunha rotonda no cruce de Sada a Fontán en tempos de Ramón Rodríguez na alcaldía

En 1999, un mes antes das eleccións municipais que desbancaron ao popular Ramón Rodríguez Ares da alcaldía de Sada- á que retornaría tras facerse tránsfuga o cabeza de lista do PSOE naquela altura, José Luis Santamaría- o Concello asinou un acordo cun promotor para ocupar uns terreos na zona das Brañas. Agora, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de condenar ao Concello de Sada a pagar 143 849 euros á propietaria destes terreos, aos que hai que sumar os intereses a contar desde febreiro de 2014. A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Supremo.

Os maxistrados do Superior ratifican un fallo de primeira instancia que daba a razón á recurrente, que apelou á existencia dun acordo municipal do 28 de abril de 2007 que recoñecía expresamente a ocupación no ano 1999 destes terreos.  A ocupación destes terreos non estivo amparada por ningún convenio, pero o tribunal considera que a existencia deste acordo “supón un evidente recoñecemento da realidade da ocupación” e que hai unha valoración do arquitecto municipal e da enxeñeira de 2007 que avala a cuantía esixida. “O Concello tivo oportunidade de presentar elementos de acreditación desvirtuadores do acerto dos informes emitidos polos seus propios técnicos, o que non realizou adecuadamente na instancia e o que impide a estimación do seu recurso de instancia”, recolle o fallo.

Ao feito de que a ocupación en 1999 non estivese amparada por ningún convenio nin proceso expropiatorio e a que non se recollese nun acordo ata 2007 hai que sumar a tardanza da recurrente en demostrar a titularidade das leiras. Segundo a sentenza, a demandante reclamou unha indemnización en vía administrativa en 2007, 2008 e 2012, pero non acreditou de forma sólida a titularidade ata o 25 de febreiro de 2014. En parte destes terreos ocupados o goberno local decidiu construír a piscina, o polideportivo e a escola infantil de Sada.

Advertisements