Sen prazos nin compromisos firmes tras a xuntanza sobre o Pasatempo coa Deputación

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

O tempo xoga á contra do Pasatempo. Na foto, o mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo

Tivo que caer un mural do Estanque da Gruta para que goberno local e Deputación sentaran a falar sobre o Pasatempo. O anuncio realizado hai ano e medio na visita que alcalde e presidente fixeran ao parque quedou no limbo. No mesmo limbo que descansa a solicitude de declarar Ben de Interese Cultural a horta de Don Juan, acordado polo pleno no xa lonxano 2011 e que hoxe, segundo anunciou unha vez máis, levará en man o alcalde á Dirección Xeral de Patrimonio- un xesto político baleiro de contido real, pois é por rexistro onde tiña que ter presentado a solicitude hai seis anos.

Agora, en  15 días sucedénse reunións, para demostrar que a responsabilidade do estado de conservación pésimo do Pasatempo non é do goberno local. Unha tese á que se apuntou onte o presidente da Deputación, atribuíndo a responsabilidade á Xunta e asegurando que a situación actual do Pasatempo está chea “de competencias e incompetencias”.

Alcalde e presidente anunciaron onte que proporán á Xunta a sinatura dun convenio tripartito para acometer as obras de rehabilitación do Pasatempo onde o Concello poña o 10% e as outras dúas entidades un 45% cada unha do orzamento das obras, e en varios anos. Mais sen prazos e no aire, deixando a responsabilidade do mantemento dunha propiedade municipal no que decida o Consello da Xunta.

Nesa mesma inconcreción móvese o proxecto a executar, que polo de agora non existe. O que insistentemente en setembro e outubro o goberno local anunciaba como un proxecto de 1,3 millóns de euros, para facer ver que se preocupaba polo parque pero non tiña os cartos, agora non é tal. Na nota conxunta de goberno local e Deputación fálase agora en todo momento do “anteproxecto xa elaborado polo arquitecto Xan Casabella”. As palabras do goberno local mudaron no momento en que o BNG pediu que ese proxecto que se anunciaba desde a precampaña das eleccións autonómicas se financiase con cargo ao convenio do paseo do Mandeo, o POS e fondos municipais. Aí, ante a disxuntiva de pasar das palabras aos feitos, o executivo local optou por mudar as palabras e o que era un “proxecto de restauración do Pasatempo que contempla un investimento superior ao millón de euros” agora é tan só un “anteproxecto”. Ao cambio na terminoloxía axudou En Marea, por medio de BN, na última sesión plenaria.

Advertisements