Coa praia das Delicias pechada ao baño pola Xunta, os empresarios de Sada reclaman o seu recheo

Vista do Hotel Sada Marina, construído nunha rotonda no cruce de Sada a Fontán

Vista do Hotel Sada Marina, construído nunha rotonda, no que a asociación de empresarios quere ubicar unha universidade privada

Coa praia das Delicias pechada ao baño pola Xunta para a vindeira tempada estival pola elevada concentración de bacterias asociadas á contaminación por augas fecais, a Asociación de Empresarios de Sada anunciou que vai a promover unha Plataforma en Defensa da Rexeneración da Praia para “esixir” ás distintas administracións “responsables desta vergonzosa demora” que inicien canto antes os traballos de mellora do areal que se anunciaron e que ata tiñan xa un orzamento aprobado fai máis de dous anos.

“Os sadenses teñen que soportar como se rexeneran outras praias da contorna e a de Sada segue nas pavías mentres as administracións pásanse a pelota unhas a outras culpándose deste vergonzoso atraso”, sinala o colectivo de empresarios nun comunicado enviado onte. Os empresarios reclaman “respecto” ao municipio e aos seus veciños e que os partidos abandones as súas “loitas” porque vai chegar un novo verán e de novo a praia urbana de Sada, “tan importante para a economía da vila”, seguirá sen ter as condicións necesarias para atraer a máis turistas, ao estar chea de lodo na beira que imposibilita case o baño.

A tal rexeneración que demanda este colectivo é, en realidade, o recheo da praia con máis area que se pretende extraer de Lorbé, na zona de cría de diversas especies de moluscos, peixe e cefalópodos de aproveitamento comercial. Por iso esta plan ten a oposición de todas as confrarías da ría, ademais de varios colectivos ambientalistas.

Advertisements