O BNG critica ao PP e ao goberno local logo da Xunta negarse a financiar parte da recuperación do Pasatempo

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

“Non están á altura da veciñanza”. É o retrato que o BNG esbozou nun comunicado dos partidos que gobernan Betanzos e Galicia, PSOE e PP respectivamente, logo do portazo do pasado venres. Ese día reuníanse o alcalde e mais a directora xeral de Patrimonio Cultural en Santiago para analizar situación do parque do Pasatempo e a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Era a segunda reunión nesa semana, tras a entrevista co presidente da Deputación e o primeiro fracaso de García Vázquez, que anunciara unha reunión tripartita que finalmente quedou en senllas entrevistas vis a vis.

O segundo fracaso foi a contestación da Xunta. “A Consellería ofrecerá todo o apoio técnico necesario para favorecer e facilitar a súa declaración como BIC” manifesta o goberno galego nun comunicado difundido a través do seu web, indicando que a “directora xeral do Patrimonio Cultural comprometeuse co mandatario local a revisar toda a documentación, e trasladoulle que a Consellería de Cultura porá a disposición do Concello todo o apoio técnico necesario para a declaración deste parque como BIC, así como para revisar cómo está orientado o anteproxecto de rehabilitación deste espazo singular cuxo mantemento e xestión correspóndelle por lei ao propietario do ben que, neste caso, é o Concello de Betanzos”.

Mais non indica se a Xunta se compromete ou non a asumir o 45% do importe de rehabilitación do Pasatempo, que foi o acordado de véspera por García Vázquez e Valentín González Formoso na entrevista goberno local-Deputación. Hai que se remitir ao comunicado enviado polo goberno local para coñecer o detalle das intencións reais da visita do rexedor a Compostela, que era obter compromiso de cartos.

PSOE: critica á Xunta e ataque ao PP tras a negativa a pagar o que o alcalde pide

Nun comunicado remitido polo executivo socialista, que o goberno local non ofrece no web municipal, o rexedor asegura rexeitar facer “xuízos de valor” sobre a negativa da Xunta e que, en realidade, sacandolle ferro á visita, tan só buscaba unha “primeira toma de contacto” tras anunciar que pediría o 45% do que custar rehabilitar o centenario parque. A García Vázquez non lle gustou que o goberno galego lle aplique a menciña que el dá a canto non lle interesa, isto é, “on existen fondos económicos para poder aportar”. “Non contaba con saír da primeira reunión cun compromiso, pero si confiaba en que estudasen a proposta. Paréceme unha resposta moi precipitada” asegura na nota remitida o alcalde que non ía facer “xuízos de valor” sobre o encontro co goberno galego.

O alcalde, Ramón García, e a primeira tenente de alcalde, María Barral, nunha comparecencia

O alcalde, Ramón García, e a primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, María Barral, nunha comparecencia

“Non esperaba esa resposta, pois considero que os betanceiros teñen os mesmos dereitos que os cidadáns de calquera outro municipio de Galicia, e ademais estamos falando dun espazo que transcende o ámbito local, único en España” asegurou García Vázquez na nota remitida. Para o líder local do PSOE, o Concello non é o responsable en exclusiva da conservación dun parque no que os tres orzamentos aprobados polo seu goberno non prevían investimentos, senón que é cousa da Xunta por estar incluído no inventario de patrimonio galego, polo que tratou de situar sobre o tellado da Xunta a obriga, como “competencia exclusiva” de manter o patrimonio cultural e de “colaboración coa Administración Local na salvagarda” do mesmo. García asegura que a Xunta colaborou económicamente na recuperación de innumerables bens patrimoniales que non eran da súa propiedade, como os da Igrexa ou os de distintos concellos pretendendo establecer un agravio comparativo.

A polémica está servida porque a Consellería de Cultura negou que a directora xeral se pronunciase neses términos que o comunicado de prensa do Concello lle atribúe. Para esclarecer aínda máis a posición do goberno local, o alcalde arremete na nota de prensa contra o PP local. Exíxelles  un pronunciamento público xa  que hai menos de dúas semanas “mostrou a súa disposición a colaborar na recuperación do Pasatempo”. Sobre a retirada de cartos da Deputación agora que a Xunta non asume o 45% do orzamento de rehabilitación o executivo local nada di no comunicado.

BNG: “non están á altura da veciñanza” e insiste nunha proposta alternativa de financiamento

Para o BNG o suceso evidencia que nin socialistas nin populares demostran estar á altura da veciñanza na defensa do Pasatempo. “Uns por outros e a casa sen varrer”, ironizou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. “Hai moita unanimidade no Pleno, cando non hai que pasar das palabras, mais á hora da verdade as palabras non se sosteñen con feitos”, reprocha.

Del Río é o portavoz do BNG-Asembleas Abertas

Del Río é o portavoz do BNG-Asembleas Abertas

Para as nacionalistas betanceiras non é novidade que o PP se despreocupe polo patrimonio. “Só hai que ver como ten as súas casas do Casco Histórico, que botou seis anos para pedir tres licenzas de rehabilitación”, recorda o edil nacionalista. “Igualiño que os seis anos que andou mareando a perdiz o PSOE para non facer a solicitude de declarar BIC o Pasatempo, supeditando a conservación do patrimonio aos intereses urbanísticos do Carregal”, engade.
As nacionalistas betanceiras critican que a Xunta non comprometa a súa axuda, pero rexeitan que o PSOE se escude nesa negativa e use a resposta da Xunta como “un pretexto para non facer máis que o mínimo”, declarou o concelleiro do BNG Henrique del Río.

Desde o BNG atribúen idénticas responsabilidades a populares e socialistas: “o PSOE di estar moi preocupado polo Pasatempo, pero nin convocou a comisión do Pasatempo”. E a pesar de que se recoñeza a necesidade da protección xurídica para o Pasatempo (o BIC), as nacionalistas consideran prioritario conservar o que hai. Remiten ao caso da Casa Gótica, como un exemplo de como “a protección sobre o papel non garante nada se falla o resto”, explica. Ademais, que dean o diploma de BIC ou que a Xunta axude ou non a conseguilo agora mesmo é algo relativamente secundario, porque corremos o risco de que cando por fin chegue, se é que o piden por rexistro algún día, non quede Pasatempo que conservar”; ironiza Del Río.

En definitiva, as nacionalistas lamentan que PSOE e PP estean máis ocupados en evadir as súas responsabilidades que en buscar solucións para o Pasatempo. O BNG declara que “é hora dun compromiso real de financiamento para as obras no Pasatempo, que esixe o entendemento entre PP e PSOE”. Insisten en que hai outra alternativa de financiamento que non depende da Xunta pero que require reaxustar as prioridades do goberno local. “Nós propomos destinar os cartos do Paseo no Mandeo a un proxecto global de rehabilitación e conservación. É posíbel usar os fondos de obras do POS e achegar tamén fondos municipais vía orzamentos do 2017. Sería un plan de financiamento suficiente, viábel e concreto. Deixémonos de botarnos as culpas uns aos outros e pasemos á acción”, declaran desde o BNG.

En Marea garda silenzo agardando polo BIC

En Marea anunciou que pedirá no Parlamento que se declare BIC o Pasatempo, nunha liña moi semellante á do executivo local que sostén a través dos dous grupos que ten na Corporación, BN e BeC. Ningún deles valorou publicamente a situación que a pasada fin de semana deixou para o parque.

 

Advertisements