O PP critica que o alcalde anunciase un acordo a tres sobre o Pasatempo que non tiña

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

Anunciar un acordo que non tiña pechado. Esa é a análise que fai o PP da visita do alcalde a Santiago para entrevistarse coa Directora Xeral de Patrimonio a conta do Pasatempo. O día antes desa xuntanza o rexedor, o socialista Ramón García, anunciara un pacto a tres bandas polo que o Concello asumiría o 10% do orzamento de rehabilitación do parque municipal do Pasatempo e Xunta e Deputación cadanseu 45%.

A Xunta non se vinculou a esa proposta cociñada entre o alcalde e o presidente da Deputación, ambos do PSOE. Para o PP, algo inadmisible. Os conservadores botan en cara que anunciase o acordo antes de falar co goberno galego e que se plantase en San Caetano sen o proxecto de rehabilitación para o parque. Segundo o PP, o PSOE pretende eludir a súa responsabilidade no estado que presenta o Pasatempo.

O goberno local socialista asegura que pedira xa en decembro unha reunión coa Xunta e que convocou á Consellería de Cultura e que foron os responsables autonómicos quen optaron por reunirse co alcalde un día despois en lugar de acudir ao cumio convocado polo alcalde o pasado día 2.

O BNG aseguraba antonte que PSOE e PP “non están á altura da veciñanza” e que ambos, desde os seus respectivos sillóns, tratan de botarlle a culpa sobre o estado do Pasatempo ao outro. Denunciaron, ademais, que as iniciativas do goberno local non pasaron en ningún momento por informar á Corporación dos seus movementos.  “o PSOE di estar moi preocupado polo Pasatempo, pero nin convocou a comisión do Pasatempo”, resumían.

Advertisements