Un técnico do Concello recoñece que aínda non se solicitou o BIC para o Pasatempo

O Pasatempo

Cheo no salón de actos da Libraría Biblos para falar do Pasatempo a propósito do debate entre José Crespí, responsable da reconstrución do parque nos anos 90, e José Souto, arquitecto técnico autor do blog sobre o xardín enciclopédico. Crespí defendeu a reconstrución realizada no centenario parque nos anos 90 a través da escola-taller baixo a súa direción, recoñecendo que se executou un proxecto diferente ao deseñado orixinalmente.

Souto Santé repasou a historia do parque, os 36 anos que leva parada a declaración de Ben de Interese Cultural desde que arrancou da man do Ministerio en 1981, antes de existir a Comunidade Autónoma, e cuestionou elementos da reconstrución como a escolla de cores para repintar os murais ou elementos recuperados por libre, modificando elementos orixinais. Ademais, censurou que elementos con risco para a seguridade das persoas, coma os vidros rotos, permanezan sen ser retirados.

Ambos cuestionaron que o executivo local non realizase traballos de mantemento no parque. Un defendendo a seleción de especies plantada e as actuacións e o outro repasando as necesidades antes do derrubamento que fixo saltar aos telexornais o Pasatempo.

O debate non estivo exento de polémica, xa desde o inicio. Crespí vinculou os resultados da reconstrución a ser unha escola-obradoiro con persoal discapacitado, gañándose unha bronca do público- entre o que se atopaba algún docente naquela escola- e tendo que rectificar. A partir de aí creouse un clima un tanto tenso e bronco, no que quen se nomea no currículum como responsable da rehabilitación do parque situou fóra da súa responsabilidade a recuperación libre de elementos, as cores ou outras cousas polémicas da recuperación do Pasatempo, que Souto explicou que nas facultades se pon como exemplo de como non actuar sobre o patrimonio.

Crespí, que recoñeceu estar a soldo do Concello actualmente, anunciou que a solicitude de BIC, contra o que ven insistindo o alcalde e o gabinete municipal de prensa estes días, aínda non está “oficialmente” presentada.

O PSOE, partido responsable da reconstrución do parque nos 90 e gobernante durante máis de 30 anos na localidade, foi o grande ausente dun debate ao que o PP tampouco fixo acudir a ningún representante público. Un dos apoios dos socialistas, Betanzos en Común (antes CxG), contraprogramou o acto con outro evento no Liceo. Algo do debate debeu sentar mal aos representantes de BN- se acaso a ausencia de fondos no orzamento, estando apoiado por eles o de 2016, aínda vixente-, que abandonaron o local a metade do coloquio deixando como único representante da Corporación ao edil do BNG.

O alcalde anuncia que pedirá reunión a Feijóo

Alleo ás críticas, o goberno local fuxe cara adiante e hoxe anunciou que pedirá unha xuntanza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que o alcalde lle explique a situación do Pasatempo. O anuncio chega tras o fracaso da xuntanza coa Direción Xeral de Patrimonio para impoñerlle o pacto que alcalde e presidente da Deputación, ambos do PSOE, trazaron para que a Xunta aportase o 45% do orzamento de recuperación do parque.

Advertisements