Unha nova entidade agrupará aos hostaleiros de Betanzos á marxe de ACEBE

Locais hostaleiros na praza do Campo

Na tarde de hoxe o Salón Azul do Edificio Arquivo acollerá a asemblea fundacional dunha nova asociación de hostaleiros de Betanzos. O proceso culmina así varias xuntanzas previas e na reunión prevista para as catro da tarde de hoxe elaborarase a acta de constitución, presentaranse os estatutos e elixirase xunta directiva. Ao acto están convocados todos os hostaleiros do municipio e o goberno local outorgoulles o seu apoio.

Os hostaleiros decidiron así contar coa súa propia entidade representativa e separarse da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE), que con esta sumaría xa a súa segunda escisión en menos dun ano, logo de que varios comercios ubicados no Casco Histórico anunciasen a súa saída da entidade gremial e creasen a sección de comercio da Asociación de Amigos do Casco Histórico, organizando a súa propia campaña de animación comercial o pasado Nadal. Ambos movementos debilitan a representatividade de ACEBE e cuestionan o importante financiamento municipal que recibe por vía dunha subvención nominativa.

Advertisements