Arde un bar en reformas da Cañota provocando unha espectacular fumareda amarela

Sorportais da Cañota, nas proximidades do local

Un bar situado na rúa da Cañota ardeu por completo na tarde de onte. Sobre as catro da tarde o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibiu o aviso e mobilizou aos Bombeiros de Betanzos, a Policía Local e a Protección Civil de Betanzos, que se desprazaron ata o punto. Foi un dos operarios que estaban a colocar material para insonorizar o local quen alertou ao 112, mentres que un particular informaba tamén ao 112 Galicia de que podería haber dúas persoas maiores na primeira planta.

Máis de dúas horas empregaron os bombeiros brigantinos en controlar e extinguir o lume, que puido ter orixe nun curtocircuíto. Os traballos de extinción incluíron tamén arrefriar e ventilar a zona. O local afectado, a Taberna O Bacel- pechado por reforma- dá á rúa da Cañota e mais á do Pozo, polo que foi necesario garantizar a ventilación en ambas fachadas.

O lume calcinou o interior da taberna e danou a fachada do edificio, o número 3, ata a segunda planta. Tamén quedou afectada a fachada lateral, pola rúa Rúa do Pozo. Non houbo feridos, xa que os operarios saíron do local axiña que se iniciou o lume. O fume, de cor amarela e denso, era moi tóxico porque arderon disolventes, colas e la de roca, polo que os bombeiros tiveron que utilizar mascarillas. A rúa da Cañota e a dos Ánxeles, contigua, quedaron parte da noite sen alumeado público a causa do incidente.

 

Advertisements