Demandan solución para as filtracións dos garaxes na rúa Rosalía de Castro

O hotel San Roque, situado no remate da rúa Rosalía de Castro

O BNG e levou ao pleno o malestar da veciñanza da rúa Rosalía de Castro a causa das filtracións en varios garaxes desta vía entre os números 20 ao 24. As nacionalistas instaron ao goberno a adoptar as medidas oportunas para eliminar as filtracións procedentes da rede municipal de saneamento. O BNG recordou que estas queixas por filtracións non son novas. A veciñanza xa hai tempo que ven reclamando unha solución ao goberno local, pois entenden que a orixe esta nunha avaría na subministración da auga. “O concelleiro de urbanismo deu a entender no Pleno que as filtracións nos garaxes eran debidas a defectos estruturais dos propios edificios”, lembra o concelleiro do BNG, Henrique del Río.

Así, mentres o goberno insiste en que a responsabilidade é do construtor, as veciñas informaron ao BNG do parecer dos técnicos da empresa concesionaria do saneamento, que terían recoñecido á veciñanza que estas filtracións en realidade son debidas a unha avaría no entronque da rede de pluviais provinte da rúa Castelao.

Desde o BNG reclaman unha solución urxente a un problema “de anos” e advirte que esta demora, como noutras ocasións, pode expor ao Concello, “e por tanto a todas nós” a ter que pagar indemnizacións polos danos producidos no edificio a causa do mal funcionamento dun servizo municipal como é o saneamento. “A día de hoxe, descoñecemos as medidas que pensa adoptar o Concello, pero moito nos tememos que só hai unha: botarlle a culpa a outro”, remata de xeito rotundo Henrique del Río.

Advertisements