O goberno local informa da fin do contrato da ORA e asegura estar sen guindastre

Un parquímetro da ORA no centro de Betanzos

Acabáronse as prórrogas tácitas ao contrato de concesión da ORA que Setex Aparki SA tiña desde hai lustros co Concello de Betanzos. O goberno local informou onte deste extremo. Polas datas e a información feita pública pola oposición- singularmente o BNG- nos pasados anos hai que entender que o goberno local simplemente optou por deixar correr o tempo para non dar outra prórroga o pasado 6 de marzo.

A  concesión remóntase ao 2001 e, segundo fixo público o BNG no seu día, era por cinco anos, prorrogable tacitamente de maneira anual ata outro tanto. Sen embargo, suma 16 anos e e tras varios anos de reclamacións, cuestionadas prórrogas tácitas e máis dunha anomalía contable, o servizo de rotación de vehículos quedou en suspenso a expensas da redacción dun novo pliego, como xa anticipou o goberno local no seu momento.

O Goberno local convocou o luns unha xunta de portavoces para trasladar aos grupos da Corporación os pertinentes informes e debater o futuro do estacionamiento regulado en Betanzos. A xestión directa poñerase sobre a mesa, aínda que o Executivo municipal xa deixou clara a súa reticencia a asumir directamente a prestación alegando falta de medios e persoal para gestionar a ORA e o guindastre.

O BNG leva anos demandando que se poñan fin tanto ás irregularidades na concesión como ao pago por estacionar na vía pública. Desde hai dous anos, BN tamén se sumou a esta demanda, presentando mocións idénticas ás dos nacionalistas mais evitando unha posición unitaria, como quedou en evidencia o pasado ano.  O Bloque foi a formación que con máis insistencia defendeu a posta en marcha dun sistema de rotación gratuito, sen empresa interposta, tras denunciar durante anos as irregularidades na xestión da ORA.

A suspensión do servizo chega cinco meses despois de que o Goberno local anunciase a rescisión do contrato polos incumplimientos da concesionaria, á que se lle prorrogou un ano máis o servizo coa condición de que poñerá en marcha varias melloras que nunca chegaron ás rúas.

Advertisements